Alonso Montero: «Sen persoas como Camilo, o mundo sería máis pobre»

A Fundación Otero Pedrayo distingue ao ensaísta e político co premio Trasalba


ourense / la voz

Con tanto agarimo falaron del todos os que o precederon que Camilo Nogueira, premio Trasalba 2016 da Fundación Otero Pedrayo, que ao economista, ensaista e político pouca marxe lle quedaba. Con todo, non deixou de falar de Europa, de destacar o pulo do galego na súa vinculación co portugués para dicir que é un dos idiomas máis falado do mundo, ou amosar a tristura de ver como Galicia pasou en menos de dous séculos de ser un país populoso como ningún a sufrir unha forte caída demográfica. «Que cante o merlo», rematou, co que dou pé a Xesús Alonso Montero, para que lembrase un dito da súa nenez nas terras do Ribeiro: «Saudiña e que cante o merlo».

Mostrouse rotundo o presidente da Real Academia Galega na derradeira intervención. «Sen persoas como Camilo Nogueira, o mundo sería máis pobre», afirmou, nun entorno no que se pasou de Otero a Nogueira, e viceversa, para enaltecer o idioma e o europeísmo dos dous. O homenaxeado recibiu o premio de mans precisamente de Xesús Alonso Montero, e que simboliza unha escultura obra do artista Buciños. 

Acreditado maxisterio

O recoñecemento por parte da fundación Otero Pedrayo chegou na edición XXXIV a este vigués de acreditado maxisterio en moitos eidos, cunha traxectoria de compromiso co país gabada por todos os que tiveron ocasión de falar del e non só o autor da laudatio, o escritor Suso de Toro. Sempre se fai esta festa o derradeiro domingo de xuño e, aínda con eleccións, mantívose unha tradición iniciada no ano 1983.

Nun entorno no que cada ano gana peso a figura totémica de Otero Pedrayo, Camilo Nogueira (Vigo, 1936) quedou onte retratado como un intelectual, un optimista nato, un home cuxos actos son sempre a favor da vida e da historia; un insatisfeito coa marcha do país, pero non un deprimido; un político exemplar na súa traxectoria; un deputado incansable, belixerante e útil; un dos «bos e nobres», un moderno, un exemplo de coraxe e unha persoa, que estando no Parlamento Europeo, facilitou a presenza institucional de Nunca Máis cando a desfeita do Prestige. Nogueira, que foi quen, xunto con Bautista Álvarez, de rexistrar hai xa ben anos a bandeira branca e azul coa estrela vermella.

Obras novas e vellas, coas carta de amor do autor de Trasalba como reto para o futuro

É como se non tivera fin a obra de Ramón Otero Pedrayo. Cada ano, a fundación trae algo novo. Aparte da voz enlatada do gran patriarca, que aínda impresiona pola súa potencia cando soa para rematar a cita anual literario no salón de actos da casa de Trasalba. Onte había dúas novidades e delas falaron Víctor Freixanes, Ramón Villares e Carlos Baliñas, pero este último deixou un apunte, a modo de reto, sobre a necesidade de recuperar as cartas de amor de Otero Pedrayo, das que tivo non só noticia senón coñecemento por anteriores traballos desenvolvidos no pazo de Trasalba. Á marxe do fotobiográfico Pensar Galicia, con colaboracións de diversos autores arredor da figura de Camilo Nogueira, a novidade do 2016, sempre da man de Galaxia, chámase Lembranzas do meu vivir, con limiar do presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares. Son, en realidade, a segunda parte das memorias, pero é que, como onte se resaltou, Otero é un saco sen fondo. Difícil de ler, pola súa peculiar escrita, pola grafía, e tamén por ser «o apoxeo da subordinada», en palabras de Villares. Todo o contrario aos tempos do tuit actuais. A outra obra deste ano é Parladoiro, reedición dos artigos xornalísticos de Otero Pedrayo con anotacións revisadas do profesor Carlos Baliñas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Alonso Montero: «Sen persoas como Camilo, o mundo sería máis pobre»