«WhatsApp? É un xogador do Dépor?»

Jorge Casanova
JORGE CASANOVA REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Pinto & Chinto

O presidenta da RAG, Xesús Alonso Montero, confesa que bota de menos «unha democracia seria, non monárquica», pero recoñece que «estamos moi lonxe de todo iso» 

05 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Recíbeme o presidente da RAG no despacho do secretario («É o máis cómodo») e advírteme antes de acomodarse: «Aquí era onde se sentaba Manuel Murguía». Pero Xesús Alonso Montero (Vigo 1928) quítalle pronto o peso da historia á entrevista para convertela nunha conversa amable e divertida.

-Para ser do 1928 ten moi bo aspecto.

-Si. O outro día o taxista que me trouxo á Academia botoume 72 anos e inviteino a unha mariscada.

-¿En serio?

-Totalmente. O que pasa é que volvín ao taxi uns días despois e o taxista recordoume que aínda non lle pagara a mariscada. Ha, ha.

-Vostede é un republicano confeso.

-No libro que publicou La Voz cando coroaron ao rei, o único artigo antimonárquico era o meu. E alí chameino Felipe VI o breve porque penso que será o último rei da monarquía española. Non sei como estarei para entón, pero voume preparar a fondo para presentarme a presidir a III República.

-E tamén é comunista. Poucos asumen xa esa idea.

-Eu non son comunista. Son militante do PCE. Sería moi arrogante pola miña parte dicir que son comunista, porque iso significa unha entrega total, mística, ao ben común, ao home común. E aínda non teño esas virtudes. Aínda son moi novo.

-¿Que lle pareceu logo o pacto de Podemos con IU?

-Pareceume moi ben. O único que me pareceu mal é que non o fixeran antes porque agora serían a segunda forza de España que lle estaría moi ben ao PSOE por non querer ser un partido de esquerdas. Agora van todos a Venezuela para amolar a Podemos e IU. Por que non van a Alemaña a entrevistar a todos eses matemáticos e enxeñeiros que están alí facendo de camareiros?

-Cambio de tercio. Que quería ser de pequeno?

-Sei o que non quería ser: labrego. Traballar no campo é andar co saco de carapuxo, carretar feixes de estrume; chegar de noite e non ter ducha, nin váter... Un médico equivocouse e diagnosticoume unha enfermidade no corazón. Xa ve, e aquí estou como un buxo. Aquilo permitiume estudar e coñecer mellor o mundo a través dos libros. Eu sempre tiven inquedanzas de home de letras contra o parecer dos meus pais que querían un avogado. Fun home de letras e aquí estou, sen un can, pero con moitas letras,

-Que bota de menos?

-Teño saudades do futuro que soñei despois do franquismo. Unha democracia seria, non monárquica e o inicio dunha etapa que fora a primeira lousa cara ao socialismo. E estamos moi lonxe de todo iso. Tamén gustaríame que a xente do meu entorno vivira mellor. E lamento non ter sido mellor profesor, mellor cidadán e máis respectuoso e agarimoso con algúns dos meus maiores. E penso en Seoane, García Sabell, Ramón Piñeiro e nos meus pais. É un sentimento que me asalta dende hai anos.

-Como pensa que o van lembrar? Ou non o pensa?

-Como non o vou pensar se case non teño xa contemporáneos? Gustaríame que pensaran que nas últimas décadas esforceime por ser cada vez mellor. Se chego aos trescentos anos, tal vez chegarei a ser boa persoa.

-É vostede case do tempo de Marilyn Monroe.

-Ay Marilyn! En realidade eu son especialista en mulleres.

-Cal é a máis fermosa que coñeceu?

-Pois mire, coñecina hai un mes en Bos Aires. Guapa por fóra e por dentro, porque ten un sentido cívico engaiolante. Chámase Anahí e é sobriña dun camarada meu da Fonsagrada. Eu recordo as grandes Brigitte Bardott, Sofía Loren, Aitana Sánchez Gijón... pero nada teñen que ver con este ser humano que lle digo.

-Ten futuro o galego?

-Terá o mesmo futuro que a sociedade. Se unha parte da sociedade galega no se compromete co futuro do galego, o futuro da sociedade galega será precario.

-Qué relación ten co móbil?

-Teño un dende que son presidente da Academia. É de xeración paleolítica.

-Non sabe logo que é o Whatsapp.

-WhatsApp? Qué é iso? Un xogador do Deportivo?

-É vostede futboleiro?.

-Eu fun catedrático de literatura, que é unha bela arte. E o fútbol que facía o Barcelona de Guardiola era unha bela arte. Dáme vergonza dicir que son dun equipo. Eu son do fútbol.

-Que é o máis importante na vida?

-Dúas cousas ao tempo: ter saúde para poder construír un proxecto nobre.