Octavio Vázquez expande o repertorio da gaita cunha obra para a Filharmonía

O compositor homenaxea na súa peza «Viúvas de vivos e mortos» á muller galega na historia


redacción / la voz

A música popular galega non se pode entender sen o papel central da gaita, pero este instrumento ten unha presenza moito máis limitada no repertorio das formacións clásicas. Para encher este baleiro, Cristina Pato, co apoio da fundación New Music USA, está a encargar obras a compositores que expandan as posibilidades da gaita no eido da música culta. Unha destas pezas é Viúvas de vivos e mortos, de Octavio Vázquez, que a propia Pato e a Real Filharmonía estrean o xoves en Santiago (Auditorio de Galicia, 21.00 horas) e tamén interpretan o ao día seguinte en  Vigo (Teatro Afundación, 20.30) e o sábado no compostelán parque Granell (12.30).

Vázquez (Santiago, 1972) admite que compoñer para gaita e orquestra «foi un reto», en boa medida polas peculiaridades do instrumento, afinado habitualmente en si bemol, do ou re, e o seu volume en relación á orquestra. Ese reto pasaba por converter a gaita en instrumento modulante: «O que ancora a gaita á tonalidade é o roncón, pero se llo quitas deixa de ser unha gaita», describe o compositor. Así que a solución foi simular coa orquestra diferentes roncóns de gaita, acadando deste xeito ese efecto modulador.

Viúvas de vivos e mortos, como outras obras de Vázquez, incorpora a tradición musical galega. Xa no primeiro movemento, titulado Muller, presenta melodías do acervo popular -como un alalá- case sen transformar, aínda que a medida que progresa a obra se van incluíndo novas sonoridades. «É certo que atendemos o pasado, pero tamén temos a mirada posta no futuro», explica o compositor, que entende o patrimonio tradicional non como algo estático, senón como un continuo en evolución.

Esta ausencia da gaita no traballo dos autores clásicos, que tamén se pode estender a outros lugares nos que acadou un estatus icónico, como é o caso de Escocia, ofrece un paradoxo cando se examina á luz do interese pola recuperación do cancioneiro popular que, non obstante, excluíu o instrumento estrela. Vázquez ofrece unha explicación: «No século XIX, no que se escribiu moita música baseada en sons populares, o que se facía era imitar eses sons coa orquestra, non co instrumento tradicional, que ten unha afinación diferente á temperada habitual. Pero nos últimos vinte ou trinta anos cada vez é máis habitual, está máis en voga, facelo cos instrumentos orixinais», relata, e pon como exemplo pioneiro a incorporación do bandoneón á orquestra por parte de Astor Piazzolla.

O que podería entenderse como a incorporación directa dos instrumentos tradicionais ás salas de concertos, sen o filtro da etnografía nin a recreación orquestral, semella encaixar na atención e percepción das diferenzas culturais neste mundo hiperconectado e cada vez máis homoxéneo. Vázquez compróbao en Nova York, onde vive dende hai anos e estrea as súas composicións: percibe un interese xenuíno, como demostra o éxito da estrea de Elas, terceiro movemento de Viúvas de vivos e mortos, en Detroit e a súa gravación pola televisión pública norteamericana. O público conectou cunha peza cuxo título remite a Rosalía de Castro, e que no seu conxunto homenaxea ás «mulleres galegas no tempo», non só os nomes máis coñecidos, senón as anónimas como as emigrantes, ou ás mulleres dos emigrantes, as que quedaran atrás, soas, ao cargo de familias enteiras.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Octavio Vázquez expande o repertorio da gaita cunha obra para a Filharmonía