Unha historia do cine a través dos libros

Breixo Viejo, profesor na Universidade de Columbia, analiza en «Film Books» unha selección de obras ensaísticas, técnicas e literarias dende os inicios da sétima arte


redacción / la voz

A historia do cine é a historia dos cineastas e as películas. Pero tamén se pode enfocar dende outra perspectiva, a dos libros relacionados, dun ou doutro xeito, coa sétima arte. Este é o eixo do volume Film Books: A Visual History, escrito por Breixo Viejo (Santiago, 1976) e publicado polo selo norteamericano Oak Knoll Press. Viejo, que actualmente traballa como profesor do departamento de cine da Universidade de Columbia, enche así un baleiro sobre unha disciplina en cuxa historiografía primaban os filmes e os directores, algo que, entende, está sendo revisado e superado. «Hoxe enténdese que historiar o cine non consiste soamente en estudar títulos e traxectorias de cineastas», explica. Xa que logo, hai que ter en conta os «modos de produción, os xéneros, as condicións de percepción» e tamén a letra impresa. Un dos obxectivos de Film Books era, segundo o seu autor, «demostrar que as teorías sobre o cine tamén determinaron» o seu curso histórico.

De feito, a relación entre libros e cine arranca co propio nacemento da sétima arte. Os primeiros títulos son manuais técnicos sobre os novos aparellos. «Os primeiros estudios céntranse na captura da imaxe en movemento dende unha perspectiva meramente científica: estudios de óptica, sobre todo, pero tamén de química, enfocados na flexibilidade do celuloide», describe Viejo. Mais axiña abren o seu campo: «Antes de 1902 existen xa panfletos sobre a necesidade de crear filmotecas, crónicas sobre a exhibición de películas en Alaska, reportaxes de cómo filmar a Guerra dos Boers no sur de África...».

Camiños paralelos

A medida que se desenvolve o cine e a súa linguaxe, tamén a literatura que produce vai cambiando. Viejo cita como a partir de 1915 se publican teorías sobre «como se recrean na pantalla certos circuítos mentais -fantasías, soños, obsesións-, que é unha problemática esencial de todo o cine mudo, non soamente do expresionismo alemán. Ó tempo que se estrea O gabinete do Doutor Caligari e outras cintas, estanse a publicar textos sobre a relación da hipnose e do somnambulismo co cine». A chegada do son propicia, inevitablemente, unha fervenza de títulos sobre micrófonos ou gravacións. E en canto o cine se converte nesa dourada factoría de soños, tamén interesa nos eidos da creación literaria: Viejo cita a experimentación de Pirandello en 1916 en Si gira..., pero tamén a autores como Scott Fitzgerald, Chandler ou Faulkner, que traballaron como guionistas de Hollywood e coñecían de primeira man o funcionamento dos estudios.

Da categoría cultural do cine e os seus produtos dá conta a diversidade temática coa que Viejo aborda a súa análise en Film Books: «Hai capítulos dedicados a libros das vangardas europeas da década de 1920, a libros escritos por directores como Abel Gance ou Sergei Eisenstein, a títulos sobre erotismo, propaganda bélica, sobre técnicas específicas de dirección de fotografía ou música de cine. Hai incluso seccións sobre tratados de arquitectura das salas de cine, libros de peto sobre estrelas de Hollywood, monografías subversivas de cineastas malditos. Como bibliófilo, tratei de mostrar a riqueza do libro de cine a través dunha selección de títulos en inglés, francés, alemán, portugués, castelán, italiano, holandés...».

Houbo libros que se converteron en poderosas influencias, como o que recolle as conversas de Truffaut con Hitchcock e do que hai pouco se estreou un documental. De feito, inaugura un subxénero, o do libro escrito por directores sobre outros directores, que é unha tipoloxía moi querida entre cinéfilos: «O libro de Paul Schrader sobre o ?estilo trascendental? de Ozu, Bresson e Dreyer; o de Lindsay Anderson sobre os wésterns de John Ford; o de Eric Rohmer sobre o Fausto de Murnau... Son títulos importantes, como os libros escritos por Pier Paolo Pasolini ou Andrei Tarkovski. Supoño que nesa lista de ?imprescindibles? entrarían tamén os libros de Siegfried Kracauer, André Bazin, Gilles Deleuze». Aínda así, Viejo cre que non se pode facer un canon nin pensa que sería desexable.

Ilustracións

Film Books foi deseñado polo madrileño Jaime Narváez e inclúe máis de 200 ilustracións en cor dos libros estudados. A Viejo gustaríalle completalo coa que sería a primeira historia visual xeral das revistas de cine e outro libro sobre bandas sonoras. Dende Nova York segue a escena cinematográfica galega: «Atreveríame a dicir que a exhibición e recepción do cine galego está vivindo un mellor momento fora que dentro de Galicia. Esta é unha cidade moi cosmopolita, con certames de cinematografías de todo o mundo, incluído un festival sobre cine galego que organiza a City University of New York. Debido a longa tradición emigrante do noso país, hoxe o cine galego se fai tanto dentro como fora de Galicia e esa calidade transnacional é algo inherente ás grandes metrópoles, como Londres, París, Los Ángeles... Pero unha cousa é a exhibición puntual de certas películas en certames e outra moi diferente a existencia dunha industria audiovisual sostible. Nese sentido, creo que aínda queda moito traballo por facer».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Unha historia do cine a través dos libros