Cristina Pato e a Real Filharmonía estrean unha obra de Octavio Vázquez

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

kiko delgado | EFE

Ofrecerán concertos no Auditorio de Galicia, en Santiago, e no Teatro Afundación de Vigo

26 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cristina Pato actuará por primeira vez coa Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel, en senllos concertos en Santiago (día 2, Auditorio de Galicia, 21.00 horas) e Vigo (día 3, Teatro Afundación, 20.30). A súa colaboración supón outras dúas estreas máis, a das pezas The World?s Ransoming, do escocés James MacMillan, e Viúvas de vivos e mortos, do compositor galego Octavio Vázquez. O programa complétase cunha sinfonía, a número catro en fa menor, de Chaikovski, e as actuacións terán unha coda cunha pequena actuación o día 4 no parque Granell de Santiago (12.30 horas), na que só se interpretará a peza de Vázquez.

A colaboración entre Pato e a Filharmonía enmárcase nunha iniciativa por ampliar o repertorio para gaita e orquestra, financiado pola artista ourensá e a fundación norteamericana New Music USA, un programa bautizado como Gaita and Orchestra Commissioning Project. A propia Pato xa participou en concertos doutras formacións, como a New York Philharmonic ou a Chicago Symphony.

The World?s Ransoming, que se estrea en España -hai unha gravación da London Symphony Orchestra, dirixida por Colin Davies-, é a primeira dun trío de obras de MacMillan compostas para a Semana Santa. Un dos instrumentos con maior presenza na peza é o corno inglés, que nesta ocasión terá como solista a Esther Viúdez.

Ademais da interpretación musical, Pato, Viúdez e Paul Daniel participan na derradeira sesión da temporada do ciclo Conversando con..., e antes do inicio do concerto participarán nun faladoiro no que o público tamén poderá tomar parte.