«Tódalas películas, sexan ficción ou documentais, son mentiras fermosas»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«O cine non é un fin, é unha ferramenta para crecer», di o director galego Oliver Laxe, premiado en Cannes por «Mimosas»

21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2010, Oliver Laxe (París, 1982) regresou de Cannes co premio Fipresci pola súa ópera prima, Todos vós sodes capitáns. Malia a repercusión, tivo que superar seis anos de «obstáculos e sacrificios» para facer realidade a súa segunda longametraxe, Mimosas, triunfadora nesta Quincena de Realizadores do certame francés. Un traballo, como o anterior, producido por unha pequena empresa coruñesa, Zeitun Films. «Conseguir os avais para o crédito do banco co que facer a película foi toda unha odisea», lembrou onte Laxe. Acadar o financiamento estatal levoulles catro anos; o apoio da TVG, cinco.

-¿Os problemas foron máis burocráticos que a propia filmación?

-Non, a creación tamén é complexa. Visto co tempo, con distancia, aceptamos todos os obstáculos que tivemos. O importante é que foron seis anos de moito crecemento persoal. Facemos cine para ser persoas máis emancipadas, máis libres. O cine non é un fin, é unha ferramenta para crecer, e estou agradecido aos produtores por acompañarme, por axudarme a crecer como persoa.

-En «Capitáns» o documental tiña un peso importante, pero en «Mimosas» recae todo na ficción. ¿Por que ese cambio?

-Para min Capitáns era unha ficción, unicamente que non era documental porque eu quixera, senón porque non tiña medios para facer unha ficción. Pero penso que tódalas películas, sexan documentais ou ficción, son mentireiras, son mentiras fermosas ou teñen que selo. Nesta película non hai documental pero quere expresar cousas a través do cinema e das imaxes. Hai unha necesidade de claridade; a historia é moi sinxela e clara: hai unha caravana que atravesa as montañas do Atlas, pero ao mesmo tempo hai como unha porta aberta ao misterio, á maxia das imaxes. Estou contento porque moita xente o entendeu. Entendeu que non hai que entender todo, e entendeu que se pode entender a varios niveis, non só coa cabeza.

-Ambas as dúas filmáronse en Marrocos. ¿É unha fascinación súa?

-Estou fascinado por Marrocos porque me parece que estou en casa. Para min, hai unha continuidade clara con Galiza. Os valores da miña familia, dos meus avós de Ancares e Terra Chá, son os que ten a xente sinxela de Marrocos. Ese sentimento de ser pequenos na vida, na creación. Esa humildade, esa paciencia, ese agradecemento. Dáme a impresión de que en Marrocos me enfronto ao pasado, o presente e o futuro da humanidade.

-Referiuse a «Mimosas» como un wéstern relixioso. ¿Unha mestura de Ford e Dreyer?

-[Risas]. Unha película de John Ford que nos interesaba moito era Lost Patrol. E dende logo o cinema de Dreyer e o de Tarkovski están aí, como o de Bresson. Un dos problemas de hoxe en día é que xa non temos mestres e xa non se respectan as linaxes. Intentei traballar imaxinándome que eles estaban a carón meu e que tiña que corresponderlles.

-Creo que quere filmar en Galicia e recuperar os castiñeiros da familia. ¿Están relacionados?

-Si, teño coa Universidade Pompeu Fabra un proxecto sobre a identidade que quero facer en Galiza cos meus alumnos. Imos vivir en Ancares e facer unha serie de retratos de galegos e galegas con ese marco de fondo, a identidade. Se conseguimos financiamento, a idea é rodar o verán que vén, catro ou cinco meses. Teño moitas necesidades de volver a Galiza, de seguir enraizándome. Teño que honrar os ancestros e este proxecto está moi relacionado coa agricultura ecolóxica e as castañas.

-¿Comparte sensibilidade cos novos cineastas galegos?

-Si, totalmente. O vento cambiou de dirección. Somos unha xeración moi desacomplexada, moi atrevida, viaxeira tamén. Moi traballadores, e xente que puxo o seu ego de carón. Somos conscientes de que o cinema que facemos é fráxil e que precisamos apoiarnos uns a outros. Non para de saír cineastas. En España e fóra miran con lupa o que facemos. Antes, con Capitáns, preguntábanme se era catalán. Agora, con esta caravana de cineastas galegos, xa coñecen un pouco mellor onde está Galicia.