Estrella Galicia fai unha edición especial dedicada ao himno galego e a Pondal

A campaña Fogar de Breogán inclúe unha publicación especial da revista «Luzes»


Santiago / La Voz

¿Que din os rumorosos? Esa foi a pregunta que Estrella Galicia e a revista Luzes lle lanzaron a cincuenta galegos, algúns máis coñecidos, como Emma Lustres, Carlos Blanco, Ángel Carracedo ou Abe Rábade, e outros menos, como Dolores Rojo, peixeira na praza do Calvario de Vigo, ou Fernando Asensio, preferentista e emigrante retornado. O Museo do Pobo Galego en Santiago acolleu a presentación desta campaña, que co nome Fogar de Breogán quere reafirmar a identidade galega. E para iso vai lanzar unha edición limitada de 2,5 millóns de botellas en homenaxe ao himno galego e á figura de Eduardo Pondal, que estarán dispoñibles durante o mes de maio.

As etiquetas foron deseñadas polo ilustrador Brais Rodríguez co obxectivo de transmitir modernidade e identidade. José Cabanas, de Hijos de Rivera, asegurou que Estrella Galicia reivindica a súa orixe en cada unha das súas cervexas a través do 50 % do nome da súa marca. Manuel Rivas, o co-director da revista, lembrou no acto: «O primeiro patrimonio de Galicia é o signo de interrogación. A nosa ferramenta histórica non foi a espada, senón a fouce. Levar na man un interrogante».

Con esta iniciativa a empresa cervexeira chegou tamén a un acordo coa Fundación Eduardo Pondal co obxectivo de apoiar o seu labor divulgativo da cultura galega e de Pondal, a través de diversos actos que se farán ao longo do ano. Xosé Ameixeiras, patrón desta fundación e delegado de La Voz de Galicia en Carballo, recordou que a mensaxe deste autor pode darse a coñecer de moitas formas. «Desde a fundación estamos moi satisfeitos de contar cunha campaña que apoiará a súa difusión e a achegará a un espectro de poboación moito máis amplo», enxalzou.

Cincuenta persoeiros responderon á pregunta: ¿Que din os rumorosos?, o verso de Pondal co que comeza o himno. E cada un contestou á súa maneira. O humorista Federico Pérez Rey lembra como aos seus amigos extraterrestres lles chama a atención o pouco uso do idioma. O escritor Diego Ameixeiras asegura que vivimos violentados por un supremacismo sentimental «que apenas tolera vías de escape». O político do PP Pedro Puy aconsella falar coa señora Carmen para falar de futuro, a de Laña, porque sempre acerta coas témperas. E o xenetista e catedrático Ángel Carracedo di que Galicia non cambiou en esencia, aínda que se adaptou aos novos tempos. Así ata cincuenta xeitos diferentes de entender as sinais de identidade de Galicia nesta campaña na que Pondal lucirá nas cervexas de Estrella Galicia.

O alcalde de Ponteceso entregou un busto de Pondal ao representante de Hijos de Rivera. E non había mellor forma de rematar este evento -que reuniu no Museo do Pobo Galego a máis dun cento de persoas- que co himno galego. Eladio y los Seres Queridos fixeron unha versión pop rock moi persoal deste emblema de todos os galegos que foi un magnífico broche final.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Estrella Galicia fai unha edición especial dedicada ao himno galego e a Pondal