O país sacia a súa «Fame» de big band

H. J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Oscar Vázquez

A gravación do primeiro álbum da Orquestra de Jazz de Galicia enche de sentido hoxe o Día Internacional do Jazz

30 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes tempos de crise cronificada é difícil topar motivos para a celebración, en especial en canto ao castigado eido da cultura. E a pesares de todo, Galicia ten hoxe moito que festexar, con motivo do Día Internacional do Jazz. A edición de Fame -o primeiro álbum da Orquestra de Jazz de Galicia- enche de sentido esta xornada para unha comunidade na que cada vez mais intensamente se senten como propias este tipo de sonoridades nacidas nas terras afroamericanas do Misisipi. Pouco despois de entrar o disco no top 20 da World Music Charts Europe, esta peculiar big band recibiu (o pasado xoves) o premio Martín Códax na categoría de jazz e músicas improvisadas.

No último decenio o país deulle a volta a unha situación que non era grata para os músicos galegos que decidían internarse [apostar] na escena do jazz, tan allea hai só algún tempo a este lado de Pedrafita. Unicamente lles cabía a emigración, en especial a Madrid ou a Barcelona, capitais españolas nas que se move o negocio (e tamén a Portugal). Un éxodo -asociado ao abandono por parte das Administracións en materia educativa- que causaba tristeza e vergoña e que teñen denunciado pioneiros como o contrabaixista ferrolán Baldo Martínez, que se tivo que curtir nos locais madrileños (e que precisamente sentou un precedente de Fame no seu Proyecto Miño).

Como anota o saxofonista Pedro Lamas, un dos impulsores do proxecto, a orquestra «supón un novo chanzo na normalización cultural dun país cunha profunda vitalidade musical, un verxel de músicas e músicos de toda condición que están a reinterpretar o sentir dun pobo que sempre atopou na súa arte o mellor vehículo para a catarse colectiva». O álbum quere ser, así, un alimento máis para saciar a «fame histórica» que pesou sobre Galicia, aludindo ás penurias que obrigaron a centos de miles de galegos a buscar un futuro mellor alén mar, nunha marcha que afectou -á súa maneira e durante moitas décadas- aos músicos que quixeron facer jazz. Lamas sabe da capacidade como a mellor embaixadora da terra que amosou sempre a música galega alí onde se interpretou, e está seguro que este disco de debut funcionará coa mesma forza comunicativa no diálogo con outras culturas.

O outro produtor do proxecto, o tamén saxofonista Roberto Somoza, recorda non sen nostalxia aqueles anos oitenta en que, «sen apenas material pedagóxico ou escolas, e sen recursos para desprazarse até as carísimas universidades estadounidenses», cada disco ou cada dato aprendido dun músico máis formado resultaba ser un pequeno prodixio. Somoza celebra o traballo feito, moitas veces de forma autodidacta, e o camiño percorrido no que «esa fame» foi moitas veces motor e ilusión para facer cousas.

A Orquestra de Jazz de Galicia logrou xuntar a algúns dos músicos más activos e inquedos do país, chegados desde o jazz pero tamén desde a música sinfónica ou o eido tradicional, como feliz demostración de que é posible a conxunción dos universos do folclore e da improvisación contemporánea.

O traballo de arranxos de Somoza (que tamén se ocupou da orquestración e dirección) e Lamas fai aflorar todo o marabilloso colorido dun repertorio extraído do tesouro sonoro popular galego, un patrimonio riquísimo que dá pé, entre outros, ao Alalá do Cebreiro, a Muiñeira de Sofán, a Xota de Pudenza, o Cantar dos Arrieiros da Lamosa, a Xota do Marreco, o Cantar de Santo André de Paradela ou a Xota de Ribeira de Piquín. Como fito fundacional a orquestra recrea o Toque de Chifre de Faramontaos, que Miles Davis e Gil Evans xa reinterpretaron en The Pan Piper tras escoitar as gravacións que o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax rexistrou en Faramontaos (Ourense) en 1952. Lomax namorouse aquel 27 de novembro do son do chifre do capador de porcos José María Rodríguez. Máis de medio século despois Fame recupera ese rexistro orixinal e dálle acubillo nunha particular big band.

Obama, anfitrión na Casa Branca

Barack e Michelle Obama son hoxe anfitrións do concerto mundial do Día Internacional do Jazz 2016 (que promove a Unesco) na Casa Branca, en Washington D.C., onde naceu Duke Ellington. O sitio web das Nacións Unidas ofrecerá en streaming unha velada que contará con músicos como Dee Dee Bridgewater, Chick Corea, Aretha Franklin, Buddy Guy, Herbie Hancock, Jimmy Heath, Al Jarreau, Hugh Masekela, Danilo Pérez e ata un cubano, Chucho Valdés.