Aínda hai algo peor, ser dramaturgo


Éunha maneira de dicilo. Vén a conto este titular porque se acaba de presentar -segundo leo- a Asociación de Autoras e Autores de Teatro de Galicia e sinto unha estraña satisfacción. 

Escribo «estraña» porque lembro que alá polos primeiros oitenta -sendo mozo-, despois de vir tan ledo de ser distinguido no Premio Calderón polo Ministerio de Cultura entre máis de 300 textos teatrais, andei deambulando polos arrabaldes da creación teatral, que nin sequera era considerada Literatura entre moitos dos propios escritores; de feito a Asociación de Escritores en Lingua Galega non tiña entre os seus premios anuais o apartado para o teatro. Agora xa si; dende van anos, si.

Andei «co monólogo da moza universitaria que queda embarazada e debe decidir qué facer» polos barrios pobres, miserentos do teatro (tamén da poesía) durante 30 anos. Ela marchou á capital, traducida ao castelán, foi ata finalista do Premio Nacional de Teatro e tivo cos anos algunhas reedicións cativas que tampouco non chamaron demasiado a atención aquí. Eu seguín só pola barriada sen ganas de escribir máis teatro. Para qué? Algunha vez teño entrado no «bingo» dos premios e algún completei, pero qué?

Un día, canso a verdade, decidín abandonar ese poboado e saltei ao barrio rico da novela: outro mundo; un ambiente máis agradecido, máis visible sen dúbida, con máis recoñecementos, pero baleiro ao cabo, polo menos para min. Revivo cada vez que volto a ese arrabalde escuro, un tanto afastado, esquecido, non sei, pero único e marabilloso a pesar de todo do teatro onde o sentir é máis quente. Onde unha cadela esfameada que se che achega e dá unha lambedela na túa man aberta é, pensas, a mesma poesía. No teatro pode ser. 

Agora a ESAD está a dar os seus froitos e xa se ven casas -nin que sexan prefabricadas- por estes arrabaldes. Reconfórtame, de verdade, saber que ao fin temos alomenos unha «casa de acollida» coas portas abertas. Dramaturga, así se chama.

Miguel Sande es Premio Calderón, Premio Rafael Dieste, finalista do Premio Nacional de Teatro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Aínda hai algo peor, ser dramaturgo