O simposio de estudos galegos reúne en Michigan a preto de 200 galicianistas

La voz REDACCIÓN

CULTURA

A segunda edición deste encontro nos EE. UU. aborda cuestións sobre a lingua, a literatura e a arte en Galicia

23 abr 2016 . Actualizado a las 19:32 h.

Dende o pasado mércores e ata hoxe preto de douscentos galicianistas participan na segunda edición do simposio norteamericano de estudos galegos, que se celebra na Universidade de Michigan-Ann Arbor, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación e baixo o lema Renovación académica, comunicación artística e innovación social. A meirande parte dos asistentes son profesores e investigadores que traballan arredor dos estudos galegos en universidades norteamericanas e doutros países de fala anglófona, que nestas xornadas abordarán aspectos da cultura galega como a lingua, a literatura e as artes plásticas e visuais. Entre os propósitos do simposio figura propiciar un «espazo para o estado dos estudos galegos na súa relación coas disciplinas como a teoría cultural, a antropoloxía, o materialismo cultural e as políticas lingüísticas no contexto da realidade global», segundo informou a Xunta.

Sección na MLA

No simposio tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou «a incorporación do noso idioma propio á Modern Language Association [MLA] e o pulo dos estudos de lingua e cultura galegas nos Estados Unidos» como «dúas das mellores mostras do avance e da busca da modernidade desde o galego». O galego vén de incorporarse cunha sección propia á MLA, que se fixo oficial en xaneiro pasado no congreso que celebrou en Austin, Texas, a que é a maior corporación académica a nivel mundial, con máis de 28.000 membros nun cento de países.

No simposio que acolle Michigan tomaron parte ademais creadores galegos de ámbitos como a literatura, o cine ou a música, entre os que se contaban Miguel-Anxo Murado, Bieito Romero, Suso de Toro, Manuel Sendón ou Lois Patiño. Entre as sesións programadas houbo tempo a afondar en diferentes aspectos de autores como Cunqueiro, Rosalía, Pardo Bazán ou Manuel Rivas, xunto con comunicacións centradas na emigración, a poesía feminina, a música popular, a paisaxe ou a chuvia como elemento identitario.

Para Valentín García, tanto os contidos do simposio como a creación dunha sección específica para o galego na MLA, «resultan fundamentais para reforzar a nosa autoestima colectiva e para profundar no coñecemento de nós mesmos e do noso pasado, presente e futuro», xunto coas «contribucións aos estudos galegos que se fan desde outras culturas».

O encontro desta semana tivo que ampliar a súa duración a catro xornadas con respecto ao primeiro, celebrado na Universidade de Wisconsin-Milwaukee, coa coordinación do profesor Gabriel Rei-Doval, que tamén formou parte do comité organizador do simposio de Michigan, xunto con Cristina Moreiras-Menor, docente na institución universitaria anfitrioa.