Pugna entre dous poetas de Lugo polo primeiro libro en galego da posguerra

Xosé María Palacios Muruais
Xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

CULTURA

Avelino Díaz, de Meira, aspira a unha honra reservada ata agora a Iglesia Alvariño

20 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai veces en que unha simple data dálle a un libro, mesmo por razóns alleas á vontade do autor que o escribiu, unhas condicións especiais, máis alá das exclusivamente literarias. Ten un innegable valor saber cal é o primeiro libro de poemas publicado en galego tras a Guerra Civil, cando as circunstancias políticas tiñan a difusión da cultura do país repartida entre a hibernación e o exilio. Esa condición estaba ata agora reservada a Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño; pero vén de comentarse que Avelino Díaz -nado en Riotorto, moi vencellado con Meira e incorporado logo ao amplísimo grupo de galegos emigrados a América- publicou Debezos vinte días antes.

A pugna entre eses dous autores lucenses -Iglesia Alvariño (1909-1961) naceu no concello de Abadín- sitúase no ano 1947, aínda que co Atlántico por medio. O poeta abadinense xa comezara a súa traxectoria poética antes de 1936: en 1930 apareceu Señardá, e tres anos despois, Corazón ao vento. Tras o libro ata agora considerado como primeira luz poética da literatura de posguerra, aínda publicou obras como Nenias ou Lanza de soledá.

Para Avelino Díaz, nado en Órrea (Riotorto) en 1897 e falecido en Bos Aires en 1971, ese libro -saído do obradoiro de José Rosenbraun, en Bos Aires- foi o primeiro dunha traxectoria que en vida incluíu outro poemario máis, Pallaregas (1963), así como unha ampla produción que quedou inédita.

Vidas distintas

Iglesia Alvariño estudou no Seminario de Mondoñedo, cidade na que compartiu proxectos literarios vangardistas con Álvaro Cunqueiro; non seguiu a carreira eclesiástica senón que exerceu a docencia en Vilagarcía e en Santiago, e a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas en 1986.

A vida de Avelino Díaz discorreu por camiños distintos, pois na nenez xa emigrou a Arxentina; volveu a Galicia aínda novo e viviu varios anos na vila de Meira, pero de novo a emigración apareceu na súa vida para sempre: marchou a Cuba e logo a Arxentina, onde morreu sen ter regresado á súa terra de orixe; foi enterrado no panteón do Centro Galego, a pouca distancia de Castelao e de Suárez Picallo, aos que coñeceu na súa estadía americana.

Demanda dun Día das Letras

A súa figura, ata agora pouco estudada e case descoñecida, está a ser obxecto de atención por un colectivo de Meira que leva o seu nome. A Asociación Poeta Avelino Díaz ten organizado diversas actividades para espallar este autor, e ten tamén expresado o seu desexo de que se lle dedique o Día das Letras Galegas, para o cal xa enviou ampla documentación á Real Academia Galega.

O colectivo salienta que o feito de ter publicado o primeiro libro de poemas en galego tras a Guerra Civil, o activismo sociocultural e político desenvolvido en Bos Aires ou a abundancia da súa produción -escribiu máis de mil poemas- o fan merecente de ser lembrado un 17 de maio.

Por outra banda, engádese que Xosé Neira Vilas considerábao «o máis hábil versificador galego» e que en toda a súa obra hai, a xeito de fío condutor, un eixe común que é «a lembranza e a nostalxia da Terra»,