O Consello da Cultura reedita «Advento», de Manuel María

Margarita Mosteiro Miguel
marga Mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Kopa

O poemario publicouse por primeira vez en 1954, fixéronse 500 copias numeradas xunto con 150 máis sinxelas para a súa divulgación xeral

19 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Cultura Galega presentou onte a reedición do poemario Advento, de Manuel María, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Reeditada 62 anos despois da súa primeira publicación, en 1954, fixéronse 500 copias numeradas, xunto con 150 máis sinxelas para a súa divulgación xeral, incluída a Feira do Libro de Bos Aires.

Na presentación da obra, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, destacou a figura de Manuel María como «un poeta esencial na literatura galega no século XX» e «como un poeta que naceu poeta e morreu poeta, que se formou nos faladoiros da época, cos seus mestres e a xente da contorna». Indicou que a elección desta obra para a homenaxe ten que ver co feito de que «é moi representativa da fase inicial do poeta da Terra Chá», e tamén porque se editou orixinariamente en Bos Aires.

O editor e poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, e Saleta Goi, viúva do escritor, tamén participaron na presentación da obra. Fernán-Vello recorreu ás análises de Méndez Ferrín, Ánxel Fole, Basilio Losada e Vicente Risco, entre outros, para reforzar a mensaxe de que Advento é unha peza «capital» da poesía galega do século XX, na que se une «vangarda, reivindicación da identidade e mesmo doses de existencialismo». «É un obxecto poético perfecto», declarou.

Pola súa parte, Saleta Goi vinculou Advento coa emigración, porque «é un libro que viaxou dende Bos Aires», e agora «volve alí nunha nova edición».