Kalandraka cumpre 18 anos como referente da literatura infantil e xuvenil

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

RAMON LEIRO

O selo pontevedrés emprega a 22 persoas e vende de media 250.000 libros ao ano

18 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais de marzo de 1998, unha páxina da edición pontevedresa de La Voz informaba de catro nacementos: dúas nenas, un neno e unha editora: Kalandraka. Agora os catro chegan á maioría de idade, legal nos tres primeiros casos, e simbólica no do selo que ben axiña se converteu nun referente da edición da literatura infantil e xuvenil. Precisamente aquela noticia daba conta do propósito que movía aos seus fundadores, quen por mor da súa actividade teatral e de animación á lectura detectaran a insuficiente oferta neste eido. «Un dos obxectivos era publicar en galego álbum ilustrado», confirma Xosé Ballesteros, un daqueles fundadores e hoxe director de Kalandraka. «Os outros dous eran acompañar os libros con actividades de animación á lectura e participar nun proxecto de normalización lingüística», engade. Os dous primeiros fican acadados e mesmo ampliados, non así o terceiro. «Por desgraza, non se avanzou na cuestión da lingua e mesmo parece que hoxe hai máis trabas para o mercado do libro en galego», diagnostica o editor.

A intuición dos fundadores de Kalandraka resultou ser certa. «Pensabamos que se podían publicar libros de calidade en galego, nos que o texto e a ilustración tivesen o mesmo rango. Criamos que había un mercado que non tiña por que ser o do libro recomendado nas escolas, que daquela era case todo o que se movía de literatura infantil e xuvenil. Había un público que demandaba ese xénero». E ese público, xunto cos outros elos da cadea -autores, ilustradores, librarías, bibliotecas e demais mediadores-, apoiou un proxecto que axiña se ampliou, primeiro coa edición noutras linguas peninsulares, e logo con distribución internacional. Unha decisión que necesitou un debate ideolóxico na cerna da editora, que apostou por abrirse lingüisticamente pero ao tempo manter un proteccionismo sobre o seu libro galego. «Rompemos cunha dicotomía que limitaba a edición case a Madrid e Barcelona, e demostramos que dende a periferia ibérica se podía chegar a calquera lado», lembra Ballesteros. Para acadalo, tiveron que converterse eles mesmos en distribuidores, xa que as empresas coas que contactaran «non o vían claro».

Nesta aposta polo álbum ilustrado, subliña Ballesteros, foi determinante a chegada dunha nova xeración artística: «Entre outros, Kiko Da Silva, Federico Fernández, David Pintor ou Óscar Villán». Este último acadou en 1999 o premio nacional de ilustración con O coelliño branco, un clásico xa no catálogo de Kalandraka. «Un aval importantísimo», certifica o editor. No 2012 sería o propio selo o recompensado co mesmo galardón, no apartado ao mellor labor cultural. Daquel afastado 1998, no que empregaba a unha persoa a tempo completo e outra a media xornada, Kalandraka pasou a ser unha empresa con 22 postos en España, Portugal e Italia. Despachan anualmente unha media de 250.000 libros, un proxecto consolidado que permite a tranquilidade para afrontar outras liñas -a marca téxtil Casa K, o selo Faktoría K, os premios Compostela e Orihuela- e cadrar os números. «Dependemos de nós mesmos, non dependemos das compras institucionais», di Ballesteros.

Esta combinación de acerto literario e financeiro permitiu a Kalandraka pasar indemne pola crise, pero Ballesteros advirte da crítica situación do sector. «Está todo por facer», advirte. «Precisamos unha verdadeira política cultural que devolva ao primeiro plano o libro galego, porque que a política cultural institucional amosou un absoluto desprezo nos últimos anos. Cómpre tamén que toda a cadea do libro colabore cun novo dinamismo», conclúe.