«Galicia vai estar falando moito tempo de Manuel María»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

CULTURA

ALBERTO LÓPEZ

O conselleiro de Cultura asina coa fundación dedicada ao poeta un convenio para organizar actos ao longo deste ano

17 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Galicia vai estar falando moito tempo de Manuel María». Díxoo onte o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, nun lugar onde a pegada da vida e da obra do poeta está máis presente, a sé da súa fundación. Rodríguez desprazouse a Outeiro de Rei, onde asinou coa institución -representada por Saleta Goy, presidenta e viúva do escritor- un convenio para organizar actividades ao longo deste ano.

A decisión da Real Academia de dedicarlle o Día das Letras Galegas xerará exposicións, unidades didácticas e mesmo reedicións de libros de Manuel María. O obxectivo de achegar a súa figura á poboación semella claro, algo que ten unha base real subliñada polo conselleiro: «Manuel María coñeceu toda Galicia, e toda Galicia vai coñecer a Manuel María moito máis», dixo.

Ademais da programación recollida no convenio, a Xunta prepara unha exposición itinerante, titulada «Manuel María. Beleza, amor e compromiso», e en Santiago, o 15 de maio, correrase a carreira Camiño das Letras.