«A calidade do libro galego e sobresaínte, pero precisamos axuda»

Francisco Espiñeira Fandiño
FRANCISCO ESPIÑEIRA REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

«As vendas retrocederon a niveis de mediados dos noventa e parece imposible poder recuperalos», avisa

04 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Laura Rodríguez (Bilbao, 1976) apura as súas últimas semanas como presidenta da Asociación Galega de Editores, que dirixe dende o 2014 e que compatibiliza coas súas responsabilidades en Hércules de Ediciones. Casada, sen fillos, amante da obra Nada, de Carmen Laforet, devota de Nova York e apaixonada das viaxes, confesa que a saúde do sector «empeza a repuntar» pero reclama máis atención das administracións públicas. «A calidade dos autores galegos non ten nada que envexar aos do resto de lugares. O problema é que coa crise temos moitos menos recursos cos que completar a cadea de valor da produción editorial», afirma.

-Fágame unha radiografía destes dous anos á fronte da Asociación Galega de Editores.

-Asumín a presidencia no 2014, nun momento de máxima dificultades. Podería prorrogar o mandato por dous anos, pero teño que confesar que foi un período moi complexo ao que lle tiven que dedicar moitas horas e agora teño que centrarme máis no meu traballo como editora en Hércules de Ediciones. Non é un portazo nin nada parecido. Seguirei na directiva, pero nun posto que me esixa menos dedicación. Agora somos 36 empresas asociadas, un 70 por cento do total que traballa en Galicia, pero que sumamos o 90 por cento da facturación total do sector. Manexamos un orzamento de pouco máis de cincuenta mil euros e penso que estamos axudando a canalizar a creatividade de moitos galegos, pero a situación non é aínda do todo positiva. Diría que retrocedemos ao nivel de hai 20 anos en ventas. E pensar en recuperar aqueles rexistros parece nestes momentos un imposible.

-¿Tamén en calidade?

-En ningún caso. Entre o 2008 e o 2014 vivimos unha caída constante de ventas e produción. Xa no 2014 conseguimos inverter a situación de perdas e medramos un tres por cento a facturación conxunta. E no 2015, que aínda non se cerrou de forma definitiva, as cifras son moi semellantes.

-¿Quen resiste mellor a crise, o libro en galego ou en castelán?

-As vendas do sector caeron en global máis dun 25 por cento e a verdade é que foi menor no seu conxunto, porque ten un mercado máis pequeno. A calidade do libro galego é semellante a calquera outro mercado. Eu diría que a súa saúde en canto a calidade é sobresaínte.

-¿Que falla entón?

-Falla que necesitamos máis colaboración institucional que permita garantir o futuro do sector. Precisamos que se recupere a compra de fondos para as bibliotecas, que se fagan campañas de promoción da lectura en todos os medios públicos, que se incentive a súa venda con propostas como o bonocultura e que o libro estea máis presente na política, pero non entendido dentro do marco das ideoloxías, senón máis aló, como un elemento central da vida cultural.

-¿Cara a onde debe ir o seu sector no futuro máis inmediato?

-Querería trasladar unha mensaxe positiva. A Asociación Galega de Editores está formada por empresas de moi diverso tamaño e matriz e que teñen un compromiso moi grande coa nosa cultura, lingua e talento dos nosos creadores. Queremos seguir apostando por Galicia e o libro galego e fornecer o mercado coa colaboración de todos os axentes implicados no proceso de distribución do libro.

-¿E iso é posible?

-Pois estamos nesa liña. O vindeiro 14 de maio imos celebrar en Santiago a primeira Gala do Libro Galego, na que imos colaborar a Asociación de Editores, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías. Acordamos xuntar todos os nosos premios para realzar a potencia do sector, darlle máis visibilidade e dignificar todo o proceso. E estou segura de que funcionará.

-¿Paliou algo o mercado dixital esa perda de ingresos?

-En moita menor medida do que cabía pensar nun principio. Todo o sector fixo un esforzo moi grande para adaptarse ao que é tendencia en todo o mundo. Nestes momentos, un de cada catro libros que se editan en Galicia xa só sae en dixital, pero iso supón apenas un catro por cento das vendas totais. Dende a consellería se nos esixe fornecer as bibliotecas públicas e apostar por este segmento, pero aínda non pode ser considerada unha liña de negocio como tal. Pídennos modernizar os fondos existentes, pero non hai fondos. As editoras estamos convencidas de que é un sector no que temos que estar, pero non acaba de ser rendible,

-¿Por que?

-Por moitos factores, pero gustaríame facer fincapé nun: a piratería. Segundo os datos existentes, máis dun oitenta por cento do consumo dixital é pirata. Ata agora, o libro dixital era a moda e tiña fácil presentar balances positivos, porque partía de cero, pero o que nós vemos é que o seu desenrolo está paralizado.

-¿Cales son os segmentos que triunfan no libro en galego?

-Máis da metade do que se publica son libros de texto e edicións destinadas ao público infantil e xuvenil.

-Unha maneira de crear a canteira de novos lectores en galego.

-Si, claro. Os lectores de futuro son unha das nosas grandes esperanzas. Como tamén o incremento da presenza nos mercados internacionais.

-¿Cales son os xéneros favoritos dos lectores da comunidade?

-Nestes intres, ante a falta de fondos, a verdade é que todos arriscamos pouco. Apostamos polo libro infantil e xuvenil e a novela e tamén por autores consagrados. Hai xéneros como a poesía e o ensaio algo deixados.

-Buenos Aires dedica a súa feira a Santiago e, a través da capital, a Galicia. ¿Que levarán?

-Iremos dentro dun espazo de 200 metros no que haberá obra de 16 editoras. Tamén participaremos nas xornadas técnicas e catro empresas de aquí viaxarán comigo para tentar abrir novos mercados. É unha gran oportunidade para estreitar lazos cun país ao que nos unen moitas cousas.