Miguelanxo Prado destacou en Rianxo a simbiose de Castelao co seu pobo

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

CULTURA

MARCOS CREO

O alcalde Adolfo Muíños, encargado de pechar o acto, defendeu como misión de todos, especialmente das Administracións, facer que «a pegada de Castelao siga a estar presente para as xeracións futuras»

03 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un galego universal cun traballo multidisciplinar, entre o que destaca a súa obra gráfica e caricaturesca, foi o onte o protagonista, no Rianxo que o veu nacer en 1886, do Día das Artes Galegas realizado pola Academia Galega de Belas Artes. Foi un académico do cómic como Miguelanxo Prado o encargado de facer un percorrido pola traxectoria de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como figura homenaxeada na efeméride das artes. O ilustrador manifestou que se trata dunha figura de «indiscutible» aceptación colectiva e destacou de xeito especial a simbiose de Castelao co seu pobo. Prado relatou como o rianxeiro avanzou de xeito intuitivo no terreo artístico, descubrindo e internándose en disciplinas como o debuxo, a pintura, o humorismo, as caricaturas, a ilustración, o deseño gráfico e a tipografía. Explicou que o fío común en todos estes campos foi a importancia que Castelao daba á comunicación e ao feito de poder transmitir o seu parecer artístico á sociedade. Nese sentido, Prado afirmou que a súa obra circunscríbese «no espazo global da cultura humana sen perder as súas raíces».

Ata Rianxo tamén se achegou o presidente da Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, quen se referiu a importancia de Castelao na historia galega «e na construción da nosa historia. Ao igual que Prado, o académico incidiu na integración do rianxeiro cos problemas do pobo. Quintana subliñou que a súa obra está directamente ligada coa arte contemporánea e, neste sentido, manifestou que a intención da academia é loitar para expandir o coñecemento da súa figura «fóra de Galicia e do Estado». O encargado de pechar o acto realizado no auditorio foi o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, quen falou do legado do autor na diáspora. O mandatario falou do Castelao que como autor da portada do semanario El barbero municipal «comeza a barbear o caciquismo, simbólica e efectivamente», ao tempo que incidiu no feito de que pese a verse obrigado a afastarse da súa terra, Castelao ten na súa obra unha «clarísima presenza do Rianxo natal».

Muíños defendeu como misión de todos, especialmente das Administracións, facer que «a pegada de Castelao siga a estar presente para as xeracións futuras».