27 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.
Pouco antes de que se exacerbase o conflito legal polos dereitos da obra e se desatase o escándalo en Holanda polo videoxogo que recreaba o agocho de Ana Frank en Amsterdam durante a ocupación nazi, o selo Kalandraka recuperou a edición en galego (do 2004) do diario da nena xudía, pero desta volta sen ilustracións, só o texto, que é o verdadeiramente relevante. Trátase do relato que Ana fai entre o 12 de xuño de 1942 e o 1 de agosto de 1944 no sobrado onde se ocultaba coa súa familia da persecución das tropas alemás. E remata abruptamente cando a Gestapo topa aquel ático. Todos acaban en Auschwitz.