Yolanda Castaño: «Fun ao fútbol por amor»

CULTURA

Pinto & Chinto

O tempo pasa pero ela conserva o seu aspecto de pin up travesa e colorida

13 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Yolanda Castaño (Santiago, 1977) ten algo de Dorian Gray. O tempo pasa pero ela conserva o seu aspecto de pin up travesa e colorida. Falamos nunha cafetería da Gaiteira, na Coruña, onde me explica que é posible ser poeta (non lle gusta o termo poetisa) e profesional: «Co último premio que gañei merquei unha termomix. Para que logo digan que a poesía non da de comer».

-Hai pouco que estivo en Cuba, apréciase o desxeo?

-Supoño que se pode dicir que o cambio «apunta maneiras». Pódese cheirar esa tendencia: hai locais no centro que están mercando mans non cubanas e nas novas xeracións aprézase tamén a influenza da cultura norteamericana. A verdade é que nunca estivera en Cuba. En novembro fun a feira de Guadalajara, en México, e en dous meses vou a outra en Bos Aires.

-Moito viaxa.

-Cadrou así. E o de Bos Aires coincide con outra invitación que tiña na China. A primeiros de maio vou a Croacia e logo a Macedonia...

-Seica a poesía era algo bohemio, con pouca rendibilidade, pero vostede leva unha intensa carreira profesional.

-Non todo é escribir. Eu manteño varios proxectos con poetas galegos e internacionais: un na Coruña que se chama Poetas di(n)versos; o Festival Pontepoética en Pontevedra e dende hai cinco anos un obradoiro internacional de tradución poética na illa de San Simón.

-Bos tempos para a lírica.

-Pódese dicir que a poesía ten o seu público. Do que se trata é de non aburrir ás pedras. Hai que seducir ao público.

-Hai que ter outros proxectos porque vivir dos dereitos de autor...

-De cada libro ao autor chégalle o dez por cento. Nun libro de dez euros, o autor recibe un. E se é un libro ilustrado, como o último que editei, a metade. Pensar que un poeta vive dos dereitos de autor é botar unha mirada moi estreitiña a este mundo.

-Xa era poeta de pequena?

-Dende os sete anos souben que ía a escribir aínda que non pensaba que podería vivir disto. Aos oito anos xa me levaban á clase de ao lado para ler poesía. Era a poeta do cole. Aos 17 gañei o primeiro concurso.

-Así que cumpríu un sono.

-Ter unha vocación clara fai a metade do camiño. É bonito lanzarte aínda que penses que tal vez non saia ben. Pero sempre tiven claro que o meu compromiso coa poesía era a fogo. Publicáranme ou non.

-Dise que cada vez léese menos. Preocúpalle?

-Pois eu penso que nunca se leeu tanto.

-Pero por WhatsApp.

-Logo, o WhatsApp non vale? A lectura está cambiando, está fragmentándose o xeito de ler. Hai que aproveitar esa conxuntura e levalo cara a boa poesía.

-E o galego, desaparecerá como prognostican algúns?

-Eu espero que non, porque seica imos acabar usando unha talla única. Todos nos estandarizamos para que o mercado sexa o máis eficaz posible sen pensar que a grandeza do ser humano está na diversidade que fainos máis ricos. Temos que ofrecer resistencia.

-Cambiemos de tema. Seguro que non lle gusta o fútbol.

-Cando era máis moza e estúpida estaba moi en contra. Pero agora xa non penso así. O deporte é un xogo, como a creatividade. Non me chama moito, pero fun ao fútbol por amor hai uns meses. E a verdade é que disfrutei.

-Ten tatuaxes?

-Ningún, e son bastante contraria. Non entendo iso de comprometerse de por vida cunha imaxe. Demostra pouca flexibilidade. No meu caso supoño que me tatuaría un verso pero cal podería ser para levalo toda a vida?

-Bota de menos Cifras e Letras?

-Chócame, pero aínda me seguen a recoñecer por Cifras e Letras. Non podería dicir que o bote de menos. A popularidade é unha arma de dobre fío. Serve para darche a coñecer, pero non quere dicir que te teñan lido. Eu o deixei porque facíaseme incompatible. Tiven que decidir se seguir a ser a chica da tele o apostar polo que había estado loitando moito tempo.

-Algunha afección especial?

-Gústame moito viaxar. É no que meto os cartos, Se me invitan a algún lugar aproveito e alongo a estadía para coñecer o país.

-Que é o máis fermoso que visitou?

-Os templos de Angkor-Wat, en Camboxa.

-Que é o máis importante na vida?

-O amor en todas as súas facetas, aínda que se nos poñemos prácticos, a saúde é anterior a todo. Tamén é importante ser honesto contigo mesmo e o teu entorno.