Un volume académico analiza a mobilidade feminina nas literaturas galega, irlandesa e galesa

Reúne dez textos que sitúan a presenza feminina na literatura vinculada principalmente á emigración, aínda que non de xeito exclusivo


A editorial Cambridge Scholars vén de publicar un volume que analiza a mobilidade das mulleres nas literaturas galega, irlandesa e galesa, dende perspectivas como os estudos feministas ou a visión poscolonial. Ex-Sistere. Women?s Mobility in Contemporary Irish, Welsh and Galician Literatures está coordinado pola decana de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña, María Jesús Lorenzo-Modia, e reúne dez textos que sitúan a presenza feminina na literatura vinculada principalmente á emigración, aínda que non de xeito exclusivo. Este sería o caso da contribución de Olivia Rodríguez González verbo da novela de Eva Moreda A veiga é como un tempo distinto, localizada na emigración galega en Londres. O londiniense tamén é o marco do texto de Xesús Fraga, de carácter autobiográfico. Os outros dous ensaios centrados na literatura galega corren a cargo de María López Sández, quen escolle senllos versos de Rosalía e Xohana Torres para pescudar na poesía feminina cuestións de xénero, migración -e viaxe no sentido amplo- e identidade, mentres que María Xesús Nogueira Pereira propón unha novidosa achega á poesía galega de muller a través do uso que fan dos topónimos foráneos as autoras.

O bloque dedicado á literatura irlandesa ábrese cun artigo de José Francisco Fernández sobre a presenza de Irlanda, España e Galicia na obra de Honor Tracy, novelista e xornalista inglesa que desenvolveu boa parte da súa carreira en Irlanda. Pola súa banda, M.ª Dolores Gómez Penas e M.ª Amelia Fraga Fuentes céntranse nos discursos de identidade e emigración nunha obra de Christina Reid, Tea in a China Cup. A coordinadora do volume, María Jesús Lorenzo-Modia, analiza a emigración das mulleres do Ulster nos anos máis crus da violencia, e Manuela Palacios González convidou a varias escritoras irlandesas a contribuír con breves textos inspirados en fotografías de mulleres irlandesas emigrantes, moitas delas pertencentes ás súas propias familias.

Mobilidade e emigración

O volume péchase co apartado dedicado á literatura galesa, máis breve que os anteriores. Trátase de dous artigos: Kevin Mills achégase ás mobilidades identitarias nunha obra de Nikita Lalwani, Gifted; Chris Kinsey tamén explora o concepto da mobilidade en relación á migración.

Ademais, Ex-Sistere conta cun limiar a cargo de Declan, un dos principais académicos de Irlanda, que reflexiona sobre a ligazón existente entre escrita e exilio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un volume académico analiza a mobilidade feminina nas literaturas galega, irlandesa e galesa