«Coa boa saúde que ten o teatro galego é unha mágoa que non se vexa máis»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

Ve necesario darlle unha maior visibilidade ao CDG e fortalecer o diálogo coa profesión

28 may 2019 . Actualizado a las 16:28 h.

«O teatro é un alimento para a alma». As palabras son da directora e dramaturga Fefa Noia (Santiago, 1974), que acaba de tomar as rendas do Centro Dramático Galego (CDG). «Só quero devolverlle ao teatro galego un pouquiño do que me deu», xustifica. Hai que «coidar aos artistas, hai moitos e moi bos», di e, aínda que cualifica de «boa» a saúde do teatro galego, incide en que «necesita cantos máis apoios, mellor».

-¿Como atopou o CDG?

-O importante do meu proxecto é ter unha liña de continuidade co que fixeron os últimos directores do CDG para coñecer que camiño están marcando e saber que seguir e que non seguir. Estou sorprendida gratamente porque atopei moitísimas iniciativas que marcan un camiño claro de apertura. Ao principio, as funcións do CDG eran reivindicación, recuperación e levar aos escenarios a cultura galega, agora a dirección é seguir co mesmo, pero con proxección cara a fóra, buscando o diálogo con outras culturas: tanto o proxecto Nós, coas colaboracións con Portugal, como o resto da península Ibérica; e incluso vin algunha iniciativa de buscar colaboracións con Europa. Esa é a dirección do CDG. Non ten que estar só na reivindicación da cultura galega, senón que ten que estar na reivindicación da cultura galega en Galicia e no mundo.

-¿Cales son as liñas básicas do seu proxecto?

-Unha das necesidades que eu vía no CDG era o que eu chamaba crear máis escaparate, é dicir, darlle máis visibilidade, potencialo máis tendo en conta que o que nos interesa son os artistas galegos e a cultura galega, poder proxectalos cara a fóra. O proxecto tamén inclúe afondar máis nos diálogos coas demais institucións galegas.

-Fala de darlle visibilidade, ¿non se coñece o que se está facendo en Galicia en teatro?

-Non se coñece todo.

-¿É aínda un gran descoñecido?

-Grande non, pero un pouco máis descoñecido do que deberíamos ser, si, falando no aspecto teatral. E, sobre todo, coñecendo a boa saúde que ten o teatro galego, os grandes talentos que hai en Galicia, é unha mágoa que non se vexa máis.

-¿Cales serán as súas primeiras accións á fronte do CDG?

-Imos continuar con producións propias, buscar as coproducións e despois, dende o Salón Teatro, seguiremos invitando e aceptando as solicitudes daquelas compañías representativas do teatro galego e tamén do portugués. Tamén me gustaría desenvolver un pouco máis a actividade formativa.

-Foi axudante de dirección nunha anterior etapa, ¿atopa moitas diferenzas coa situación actual?

-Ao cambiar a perspectiva atopas o CDG dun xeito moi diferente. Atopei un equipo que, sendo as mesmas persoas, son mellores, porque pasaron moitas experiencias. Eu estiven na primeira etapa de Manuel Guede. O que hai é un cambio, que non é un laio, que é a cuestión orzamentaria. Naquel entón era cando se invertían moitos cartos en cultura, pero foise axustando, agora estamos en orzamentos moi axustados.

-¿Que implican eses axustes?

-Sabía cal era a situación cando me presentei para este posto, sabéndoa non ten sentido negala. O que ten sentido é traballar a partir dela e darlle a volta ás cousas para saber como podemos, co que temos, buscarlle o máximo aproveitamento posible. Para min o fundamental é poder reforzar a institución, fortalecer todo o que se poida o diálogo coa profesión, é dicir, cos profesionais da escena en Galicia. Interésame moito as súas impresións. Aínda non tiven tempo para facer as primeiras reunións coas compañías galegas, cos actores galegos, cos estudantes de arte dramático, para saber cales son as súas necesidades, que esperan eles, que carencias atopan. É importante fortalecer ese diálogo porque, se está forte ese diálogo, estará forte o CDG.

-O día do anuncio da súa selección en decembro, dicía que tiña moita alegría pero tamén moita responsabilidade. ¿Cal é a sensación agora?

-Penso que esa sensación non marcha nunca. Creo que está ben que sexa así. Isto que falamos é toda unha declaración de boas intencións e agardo ter o persoal, os apoios e as forzas dabondo para poder facelo. E, deste xeito, é moita responsabilidade. Sobre todo por aquela xente que precisa o CDG, estou pensando xa non só en actores, deseñadores, técnicos, senón tamén o público. Unha das miñas propostas de traballo é acadar máis público, xa ten un público o CDG, pero temos que amplialo.