O xermolo das Irmandades da Fala que plantou Villar Ponte cumpre un século

CULTURA

Do artigo «El cimiento de la afirmación gallega» naceu a organización galeguista

05 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«A cerna dun movemento social de reivindicación da lingua e da identidade nacional galega que mostrou unha nova forma de concibir o país, en tanto colocou por vez primeira a Galicia como centro de decisión e como suxeito do seu devir social, cultural e político». Así son cualificadas as Irmandades da Fala no acordo da Deputación Provincial da Coruña, tomado hai uns días, para declarar o 2016 como Ano das Irmandades da Fala. O xermolo do que naceu esta organización plantouno hai un século, tal día como hoxe, Antón Villar Ponte (Viveiro, 1881-A Coruña, 1936), cun artigo publicado neste xornal. Curiosamente, o texto estaba escrito en castelán, levaba por título El cimiento de la afirmación gallega e un lema, o que hoxe se chamaría cliché, moi xornalístico: Con letra del siete.

Dos pronunciamentos á rúa

O texto de Villar Ponte deu lugar a unha serie de pronunciamentos, apoios e publicacións que se concretarían o 18 de maio de 1916 na xuntanza convocada polo propio escritor no número 38 da rúa Real da Coruña. Alí estiveron preto de vinte persoeiros, desde o outro Villar Ponte, Ramón, ata Uxío Carré Aldao, Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Luís Porteiro Garea ou Francisco Tettamancy. A decisión principal foi a creación da Irmandade dos Amigos da Fala para a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia. E, loxicamente, outro acordo tomado foi nomear Primeiro Conselleiro da nova entidade a Antón Villar Ponte.

Un século despois destes feitos, o Concello da Coruña, que está mudando o nome de varias rúas da cidade, dando cumprimento á lei da memoria histórica, vai darlle a unha desas rúas o nome de Antón Villar Ponte. Ademais, o alcalde, Xulio Ferreiro, comprometeuse na súa primeira visita institucional á Real Academia Galega a apoiar os actos que a mesma quere levar a cabo ao longo deste ano, tal e como lle pediu o propio presidente da RAG, Xesús Alonso Montero.

Precisamente, na Academia Galega está boa parte da biblioteca de Antón Villar Ponte, despois dunha cesión que tivo lugar hai tres lustros. Foi entón, preto do 17 de maio, cando os descendentes doaron 200 libros da colección privada do escritor e periodista, moitos deles con dedicatorias manuscritas dos seus autores.

Un almanaque dixital

Entre as iniciativas para celebrar este centenario das Irmandades da Fala está a da agrupación Alexandre Bóveda e a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega): «Fixemos un despregable, unha recolla de textos, e acabamos de facer un almanaque dixital de efemérides no que levamos para o día 5 o artigo que Villar Ponte escribe na Voz», explica María Xosé Bravo, unha das promotoras. Ese calendario (www.almanaquedasirmandades.gal) vai polo mes de marzo, «pero nuns días o completaremos até o 18 de maio; e recolle anécdotas, feitos e persoas». Así, é posible ler como «o 7 de febreiro de 1876 ve a luz o primeiro número de O Tío Marcos da Portela, editado en Ourense por Valentín Lamas Carvajal», e outros acontecementos como a morte de Manuel Antonio en Rianxo ou o nacemento, na mesma vila, de Castelao.

De tódolos xeitos, a celebración de moitos dos actos deste centenario das Irmandades de Fala está aínda pendente de concreción. Onte mesmo o portavoz do Partido Popular no Concello de Santiago, Agustín Hernández, propoñía a necesidade de contar en Compostela con actos que lembren este centenario, xa que foi unha das cidades que tivo protagonismo no desenvolvemento desta organización que nacía nun artigo publicado tal día como hoxe neste xornal.

«Y como hablar en gallego es todo...»

Desde a Agrupación Alexandre Bóveda e a AS-PG salientan parágrafos do escrito por Antón Villar Ponte no seu artigo: «Y como hablar en gallego es todo; como hablar en gallego significa inutilizar andadores extraños, poner lindes al intrusismo y sentar la base de un pensamiento y una acción propios llevándonos a la búsqueda y al encuentro de nosotros mismos en el fondo de nuestras almas; como la generalización del gallego, sobre todo, entre la clase media nos llevaría a la renuncia de ese inútil esfuerzo que hacemos al castellanizar ridículamente los conceptos, las palabras y el acento, unificándonos, poco a poco, en sentido nacionalista, obligándonos a querer la patria natural [?] Toda afirmación gallega tiene que asentarse en el lenguaje autóctono -pues de otra suerte carece de realidad-, aquí veréis si es o no urgente arribar a la creación de una Liga de Amigos del Idioma». A Irmandade da Fala da Coruña sería das máis importantes, con 350 afiliados a finais do ano 1918, o que supuña a metade dos que había nas total das trece irmandades repartidas por Galicia.

O empuxe de Aurelio Ribalta

O artigo que deu lugar ao seu nacemento estaba impulsado polo escritor galego afincado en Madrid Aurelio Ribalta, tal e como apunta Villar Ponte no inicio do seu texto: «

Al tratar en esas columnas de la interesante encuesta que Aurelio Ribalta abrió en su notable revista, digna de resuelto apoyo, Estudios Gallegos, acerca del uso de nuestra propia lengua en las escuelas, hablábamos de la necesidad de arribar urgentemente a la creación de una Liga de Amigos del Idioma». Apuntaba Villar Ponte que Ribalta acollera a idea con entusiasmo. No ano 1933 publicaríase o Vocabulario Castellano-Gallego das Irmandades da Fala. O colectivo tamén promoveu actividades culturais de todo tipo. A creación do Partido Galeguista fixo que desaparecera esta organización, primeira que asumiu o monolingüísmo en galego.