A «emoción poética» de Manuel María, plasmada nunha antoloxía

«Antoloxía poética» é unha escolma de arredor dunhas oitenta pezas da súa amplísima traxectoria a cargo de Amelia Outeiro Portela e Darío Xohán Cabana


redacción / la voz

Comezan a chegar ás librerías obras arredor de Manuel María, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Vén de saír do prelo Antoloxía poética (Galaxia), unha escolma de arredor dunhas oitenta pezas da súa amplísima traxectoria a cargo de dúas persoas que coñeceron ben ao escritor, Amelia Outeiro Portela e Darío Xohán Cabana. Este último, autor do limiar do volume, advirte da imposibilidade de representar a extensión e variedade da obra do poeta, polo que optaron polo criterio de elixir aqueles que mellor expresaban a «emoción poética» de Manuel María. «Non queríamos que fose unha enciclopedia de formas ou de temas, senón escoller os máis logrados, os máis fermosos, os máis perfectos», explica.

O prólogo a cargo de Cabana sintetiza as características da poesía de Manuel María, que se divide en catro períodos. No primeiro, cualificado como «xuvenil», destaca a «potencia extraordinaria» coa que o poeta entra na literatura galega grazas a uns versos debedores do surrealismo no formal e próximos ao existencial no fondo. Esta etapa conclúe con Advento. Unha nova xeira ábrese cando Manuel María fai o servizo militar en Santiago, na que prescinde do «luxo verbal» anterior e adopta unha contención. «O existencial sigue, pero máis sosegado», describe Cabana. En 1966 arranca o terceiro período, no que Manuel María se achega claramente «á vocación social dunha poesía de combate», e que dará libros como Versos pra un país de minifundios ata que en 1980 entra na derradeira etapa. «O social pasa a un segundo plano e volve á poesía de confesión persoal, máis espida, máis sinxela», apunta o antólogo.

Unha celebración popular

Darío Xohán Cabana foi tamén un dos académicos que propuxo para a celebración do 17 de maio a Manuel María, a quen considera «a figura máis poderosa da súa xeración poética e unha das máis significativas na construción nacional galega». Xa que logo, esta edición do Día das Letras está chamada a ser unha das máis vividas e difundidas, non só pola calidade da obra do escritor, senón tamén pola súa dimensión política e persoal. «Manuel María é o poeta galego máis popular de Curros para acó», conclúe Darío Xohán Cabana.

La Voz de Galicia
Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

A «emoción poética» de Manuel María, plasmada nunha antoloxía