Vinte e cinco autores levarán a cultura galega á Feira do Libro de Bos Aires

redacción / la voz

CULTURA

Tratase dunha representación que abrangue a literatura, a ilustración, a gastronomía e máis a ciencia

24 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Santiago é a cidade convidada na edición deste ano da Feira do Libro de Bos Aires, que se celebrará do 21 de abril ao 9 de maio. Con este motivo, 25 autores promocionarán a cultura galega nesta cita na capital arxentina. Trátase dunha representación que abrangue a literatura, a ilustración, a gastronomía e máis a ciencia: Manuel Rivas, Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán-Vello, Miguel Anxo Murado, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Xaquín del Valle-Inclán, Diego Ameixeiras, Cesáreo Sánchez, Chus Pato, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, María Meijide, Xavier Alcalá, Luís G. Tosar, Elena Gallego, Clara Gayo, Antón Lopo, Benigno Campos, Ángel Carracedo e Jorge Mira.

Ademais, na feira instalarase un stand de Galicia, coordinado pola Xunta e colaboración co Concello de Santiago e a Asociación Galega de Editores, e que fará de escaparate da produción editorial galega actual. Exposicións, charlas, conferencias, espectáculos e proxeccións reforzarán a presenza galega na feira, onde tamén se producirán contactos comerciais entre editoriais, axentes e empresas de distribución.