O cine galego celebra o centenario da súa primeira ficción, «Miss Ledyia»

miguel anxo fernández

CULTURA

Estreada en 1916 en Pontevedra, filmouse en varios escenarios naturais da provincia

06 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Considerada a primeira obra de ficción no cinema galego, e máis alá do seu valor artístico, Miss Ledyia destaca pola súa importancia fundamental en canto a incorporación temperá de Galicia á dinámica creativa que a sétima arte estaba a tomar no panorama español. Sobre un texto de Rafael López de Haro (1876-1967), a película tivo como director ao acreditado filmador de reportaxes José Gil, que aproveitou os modernistas espazos do Gran Balneario da Toxa, e outros escenarios como as ribeiras do Lérez, Monteporreiro, Portosanto e A Caeira. A narración recrea as peripecias de Miss Ledyia, sobriña de Míster Kazton, un multimillonario estadounidense a quen acompaña por Galicia. Mentres, Carlos, o noivo da celosa Márgara, sorprende ao anarquista Ruskin tramando a morte dos reis de Suavia e proponse evitar o atentado na Toxa. Engádense os personaxes de Miss Katia (dama da raíña), o secretario do rei, un cabaleiro millonario, un pastor protestante e varias damas. Todo rematará felizmente. Cunha duración de apenas 20 minutos, en branco e negro con puntuais virados, estreouse o 3 de marzo do 1916, no desaparecido Teatro Principal de Pontevedra, nunha sesión promovida a prol dunha denominada Xunta de Protección da Infancia.

Actuacións diversas

Segundo Xosé Enrique Acuña, o primeiro que investigou sobre ela en 1986 e autor de Da historia do cine en Pontevedra. 1897-1936, «a proxección se mesturou con variadas e diferentes actuacións que van desde a representación da comedia La fuerza bruta, de Jacinto Benavente, e a zarzuela Maruxa, ata a realización in situ de caricaturas dos presentes polo propio Castelao». Engade o historiador pontevedrés que «Gil foi contratado como mero operador, cun resultado que non convenceu a López de Haro, que lle fixo montar de novo a película».

En canto ao reparto, o papel máis significativo asumiuno Fefa Ximénez de Sandoval, segundo Acuña, «habitual das funcións teatrais e os cadros escénicos benéficos, excelente recitadora e modelo do gran fotógrafo Joaquín Pintos que conseguiu dela belísimas fotografías». Entre os dezaseis actores principais colaboran tamén o actor profesional Fausto Otero, ademais de Mariña Fonseca, Clara Sobrino, Víctor Mercadillo, Isidoro Millán, Blanco Porto e Castelao. A prensa destacou o éxito da función, de xeito que Miss Ledyia se paseou despois por distintos lugares de Galicia, entre eles o Salón Pinacho de Vigo.

O filme foi restaurado en 1996 por iniciativa conxunta do CGAI e Filmoteca Española, a partir dos materiais conservados no Museo de Pontevedra.

Castelao, pastor protestante

Neste ano faise tamén un século da chegada de Castelao a Pontevedra. Participa no reparto de Miss Ledyia «como parte da súa socialización na cidade, e da man da súa amizade co galeguista Antonio Blanco Porto, que recrea o personaxe de Carlos no filme», segundo Acuña. Castelao encarna a un insólito pastor protestante que na secuencia final porta unha pistola para deter ao anarquista Ruskin. Ademais, tiña relación con López de Haro, daquela xa moi popular polas súas novelas frívolas ou subidas de ton para o que se estilaba na sociedade do primeiro século XX. Castelao colaborou co propio López de Haro, ilustrándolle algúns dos seus relatos e debuxándolle a portada dalgúns dos seus libros durante a súa estadía en Pontevedra como notario. Foi precisamente a partir dunha destas obras, Los nietos de los celtas (1920), cando Castelao «rompeu a amizade de ambos ao considerar o rianxeiro que o tratamento que se facía dos galegos na narración era despectivo e minorizador», a xuízo de Acuña.