
O escritor limiao apostou por centrar en plena crise, Nadal do 2012, o fío argumental da nova entrega literaria
04 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Logo dun tempo de silencio editorial Antón Riveiro Coello (Xinzo, 1964) retornaba aos andeis das librarías en decembro coa súa nova novela: Os elefantes de Sokúrov. Desta volta o multipremiado escritor aposta por un proxecto literario que se desenvolve na realidade máis próxima e nas problemáticas que teñen marcado a historia recente, no persoal e no social. A crise, a precariedade, a falta de emprego e de saídas para os mozos, a soidade, os desafiuzamentos, o suicidio, o amor, o proceso creativo, o cine ou as vivencias dunha Compostela «máis alá do relixioso e patrimonial» percorren as páxinas deste relato. Os elefantes de Sokúrov está ambientada no Nadal do 2012 e a súa protagonista, Janis, é unha moza de trinta anos cunha traxectoria académica exemplar. Coida anciás nun piso da praza de Galicia mentres agarda que se convoquen oposicións porque arela ser profesora. Ao tempo asina críticas de cine e artigos sobre diversos temas, da literatura á ecoloxía pasando pola violencia de xénero. A ausencia de súpeto dun descoñecido ao que adoitaba ver todas as mañás lendo e escribindo na cafetería onde almorza provoca o seu desacougo.
-Ramón Nicolás sinalaba na súa reseña da obra que na mesma consigue xerar «unha inequívoca vontade de avanzar case sen respirar ata a derradeira liña». ¿Vostede como a definiría?
-Como unha novela actual, contemporánea, social, sentimental, intelectual, mesmo psicolóxica. E na mesma medida hai intriga, emocións, relacións e digresións sobre a realidade e os problemas actuais.
-¿Por que apostou por unha historia en plena crise?
-Janis vive un momento de transición e padece os problemas que teñen os da súa xeración para atopar traballo. Con trinta anos e un expediente académico excelente quere ser profesora, pero ten que coidar a persoas maiores mentres non se convocan oposicións. Simboliza a situación que teñen na actualidade os nosos fillos, sen perspectivas de futuro e xa sen prantexamentos como os de ter un coche, unha casa ou unha familia porque a crise e a sociedade actual arrombaron con todo.
-Menos coas inquedanzas persoais e familiares.
-Ela é unha persoa moi curiosa e na novela estase descubrindo a si mesma, ese é o seu leitmotiv. A morte da súa nai cando nena marcou a súa vida e, vinte anos despois, anda á procura da memoria, da identidade e por veces constrúese nesas personaxes coas que se atopa. O obxectivo é reconstruírse dende os outros.
-¿Por que se decantou polo traballo de coidadora de persoas maiores?
-Janis coida anciás nun piso da praza de Galicia. O protagonismo delas é unha reflexión sobre a vellez e a vulnerabilidade. A perda dos seres queridos, o medo á discapacidade e a proximidade da morte forman parte das súas inquedanzas, como a soidade ou a depresión. Poden ser os nosos pais, os nosos avós, e o seu obxectivo é a loita diaria pola vida, polos afectos e polo amor.
-Unha filla da xeración hippy que anda á pescuda dun descoñecido que a ten engaiolada...
-A orixe é unha visión interxeracional: os de 50 anos ou máis remataron colocándose ou traballando todos. Os do baby boom tivemos unhas oportunidades que os mozos de agora non teñen. Por outra banda, Janis e Constantino -o escritor da cafetaría- comparten as inquedanzas polo proceso creativo, pola cultura e polas artes, e iso fai que teñan unha afinidade especial.
-Compostela é unha das protagonistas, con referencias históricas e actuais. Do Tamboura á Gramola ou de San Lourenzo ao Pombal.
-Na novela está o amor por esa cidade, a que todos vivimos e desfrutamos cando nos trasladamos a ela. Pero vai máis alá dela e da relixión, aínda que sexa unha experiencia incluso mística. É a outra ollada, a menos mitificada do Ensanche, que é onde vive a protagonista, ou do Pombal.
-¿Por que elixiu este barrio?
-Era un lugar prohibido, o espazo da prostitución e a marxinalidade. E unha realidade que non estaba moi tratada dende o punto de vista literario. Daquela contactei con xente que vivira alí para recrear o que en tempos era o Pombal, que pasou de ser o barrio da prostitución de Compostela a un espazo privilexiado logo da rehabilitación de moitas das vivendas da zona.
Confesa que nas súas lembranzas de rapaz estaba o barrio: «Alá polo ano 72 ou 73 foi a primeira vez que viaxei a Santiago. Viña dende a aldea cos meus avós a unha concentración labrega. Á hora de voltar faltaban tres homes no autobús e houbo que ir buscalos ao Pombal, onde estaban medio borrachos e pelexando polas prostitutas. Ao mellor aquel recordo tivo algo que ver no feito de que este espazo tivese protagonismo na novela».
-Na obra aparecen moitas referencias cinéfilas, de Tarkovski a Haneke. ¿Por que «Os elefantes de Sokúrov»?
-Janis escribe crítica cinematográfica e o cine é o principal tema de conversación, e o que a mantén unida ao seu pai. Elixir a Sokúrov é unha homenaxe clara ao cine máis humanista, xa que o director ten ese punto de conexión e esa carga intelectual que se relaciona cos creadores, cos poetas e cos pintores. Non é o cine de inmediatez, agresivo, violento ou de consumo rápido. As películas de Sokúrov teñen unha densidade filosófica importante, é un cine de pensamento e de expresionismo puro e crean a sensación de contemplar un cadro sucesivo. Son obras para pensar e reflexionar sobre o ser humano e os seus problemas.
-¿E os elefantes?
-É unha metáfora. Os elefantes representan a carga simbólica; están en perigo de extinción, son compasivos e intelixentes e deben enfrontarse ao risco que supón sobrevivir na natureza. A protagonista da novela é culta, unha muller preparada e amante do cine, é debe sobrevivir nunha sociedade que non lle dá as oportunidades que se merece.