Uxía pon voz aos poemas de Manuel María

la voz

CULTURA

O disco «Uxía canta a Manuel María» recolle o concerto que a artista ofreceu o pasado 6 de outubro na casa-museo do escritor en Outeiro de Rei, xusto o día no que faría 86 anos

23 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A cantante Uxía vén de engadir unha nova contribución sonora ao universo poético de Manuel María, un dos autores líricos galegos con maior número de adaptacións e versións por parte de músicos de todos os estilos. Trátase de Uxía canta a Manuel María, editado pola casa-museo do poeta, e que consiste dun cedé, un código para descargar un traballo audiovisual, De amor e cantería, elaborado a partir dos versos do autor chairego, e mais un porta-poemas que contén 52 composicións, unha para cada semana do ano: o 2016 Manuel María será a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas.

O disco de Uxía canta a Manuel María recolle o concerto que a artista ofreceu o pasado 6 de outubro na casa-museo do escritor en Outeiro de Rei, xusto o día no que faría 86 anos. Para Uxía foi «un canto ao gardador das albas que nos fai crer aínda no ser humano». O repertorio está formado por composicións sobre poemas do escritor, cantadas por Uxía, ademais de versións de temas anteriores, como O carro, de Baldomero Iglesias, ou Manual do señorito, de Miguel Varela. Con Uxía colaboran os músicos Sérgio Tánnus, Paulo Silva e Santi Cribeiro, ademais do tamén cantante Xabier Díaz, quen se suma a ela para interpretar O melro e Heiche dar un bico.

De amor e cantería, a creación audiovisual para descarga grazas a un código incluído no cedé, foi premio Mestre Mateo no 2011 á mellor creación experimental. Toma como base os poemas de Manuel María e foi elaborado pola fundación que leva o seu nome e producido por Pixel Films, dirixido por Anxa G. Refoxo.