Morreu Neira Vilas, escritor, creador de Balbino e voz da Galicia labrega

A capela ardente para despedir ao sobranceiro galeguista quedou instalada no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago; hoxe será soterrado en Gres, a súa aldea de Vila de Cruces


Lalín, santiago / La Voz

Xosé Neira Vilas foise sen facer ruído deixando orfos á literatura galega e a un exército de persoas que ata o de agora gozaban do seu agarimo e da súa compaña. Morreu na súa casa, na súa cama de Gres, a aldea de Vila de Cruces que o viu nacer hai 87 anos e onde seguía escribindo a diario. Problemas de saúde tivérono ingresado varias veces ultimamente, a derradeira o pasado verán. Pero saíu adiante e nestes meses continuou despregando unha actividade incansable participando nunha chea de actos, moitos deles en centros de ensino e espazos culturais de todos os recunchos de Galicia. Neira Vilas foise coa axenda chea de proxectos. O xoves recibiu unha reedición de Cantarelas feita pola editorial Kalandraka e lista para se presentar. O escritor tiña xa rematado Galicia, nosa ledicia, que publicará Embora, e traballaba no libro Contos vellos para rapaces novos, de Bolanda. A súa obra seguirá viva e o seu Balbino, ese rapaz de aldea que tiña moito do seu autor, é xa universal.

O pasado domingo subiuse ao escenario na parroquia de Cira, en Silleda, e rodeouse de novo dos que máis quería, os nenos, que representaron a súa obra Espantallo amigo. Tamén en Silleda, recibiu o último homenaxe, co seu nomeamento como socio de honra da asociación Vista Alegre de A Bandeira.

O xoves pola tarde sufriu unha pequena indisposición estomacal, á que non lle deu importancia. A morte sobreveulle de noite. Pola mañá, os membros da fundación que leva o seu nome acudiron sorprendidos pola noticia. Foron eles, os seus máis fieis compañeiros, os que se encargaron de organizar os actos fúnebres seguindo os desexos do escritor, que pediu descansar eternamente na compaña de Anisia Miranda, a que foi a súa dona, no camposanto de Gres, situado o carón da súa casa e onde será enterrado hoxe, as 17.30 horas, tras a misa de funeral na igrexa parroquial. A Gres desprazáronse a primeira hora da mañá de onte o escritor Luis Reimóndez Portela, o secretario de Política Lingüística, Valentín García, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o director de Galaxia, Víctor Freixanes, ou o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, que se uniron á dor da familia.

Román Rodríguez subliñaba a calidade humana «dun grande da cultura galega, un dezao universal e unha persoa que representa o mellor que ten Galicia». Vila de Cruces decretou dous días de loito e traballa no acondicionamento dun edificio dedicado ao Balbino e ao libro Memorias dun neno labrego, onde se recollerá toda a documentación da obra.

O corpo de Neira Vilas foi velado no museo da fundación, as primeiras horas da tarde, pola familia. Dende alí foi trasladado ao Panteón de Galegos Ilustres, no compostelán recinto de San Domingos de Bonaval, onde permanecerá a capela ardente ata ás 16.30 horas de hoxe, cando regresará para ser soterrado en Vila de Cruces ás 17.30 horas.

Aplausos en Bonaval

A Compostela chegou o cadaleito xa coas luces da noitiña. Persoas achegadas como Luis Reimóndez e Jesús Otero cargaron o féretro no ombreiro, ao igual que fixeron o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o dramaturgo Cándido Pazó ou o músico Roi Casal. Os restos mortais do home que nos deixa a Balbino, «un rapaz da aldea, como quen dis, un ninguén», franquearon a porta da igrexa de Bonaval entre aplausos da xente que alí agardaba.

Roi Casal, ao que lle saíron os dentes vendo ao mítico Milladoiro, grupo do que formou parte, lembraba onte a viveza coa que Neira, para el Pepe, encaraba os retos que tiña por diante. Entre mans tiñan ambos os dous un disco colosal, con participación de Pablo Milanés ou do pianista cubano Miguel Núñez, que levará por título Son galego, son cubano. Porque así se sentía o ilustre galeguista, una especie de labrego-guaiabeiro, coa alma repartida entre as dúas beiras do océano.

Aínda máis, Neira Vilas tiña previsto ir de xira co álbum dende o 25 de xuño do 2016, para cando pechara a súa participación como pregoeiro nas festas do Corpus de Ourense. «Pero vai estar, seguro que vai estar, e xa veremos de que xeito», porfiaba Roi Casal ante o seu féretro, exhibido xunto co retrato obra de Rofer extraído do libro A miña amizade con Díaz Pardo.

Os ramos de flores empezaron a encher Bonaval. Da Deputación de Pontevedra, de varios colexios. «Ao neno labrego», dicía o lazo da dezana asociación Vista Alegre. Un debuxo de Balbino pintado por Lía, unha nena de infantil do colexio Raiola, dispúxose moi perto como sinal de identidade. Así lembrarán a Neira Vilas sempre, coma o neno labrego que todos levamos dentro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Morreu Neira Vilas, escritor, creador de Balbino e voz da Galicia labrega