Morre o escritor Xosé Neira Vilas, autor de «Memorias dun neno labrego»

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

O autor faleceu aos 87 anos na súa casa de Gres, Vila de Cruces

27 nov 2015 . Actualizado a las 20:40 h.

O escritor Xosé Neira Vilas finou a pasada noite na súa casa de Gres, Vila de Cruces. Tiña 87 anos e foi autor dun libro esencial nas letras galegas, Memorias dun neno labrego. O corpo do escritor velouse esta tarde na intimidade familiar na Fundación que leva o seu nome, para posteriormente ser trasladado a Santiago, ao Panteón dos Galegos Ilustres, onde se instalou a capela ardente aberta ao público. O enterro terá lugar na súa localidade natal de Gres ás 17.30 horas do sábado.

Neira Vilas, que foi narrador, ensaísta, periodista e poeta, seguía en activo e recibiu numerosas homenaxes nos últimos meses. Un dos seus libros, Romaría de historias, figura no catálogo de novedades para a tempada de Nadal da editorial Galaxia. 

MARTINA MISER

Nacido en 1928 en Gres, Vila de Cruces, Neira Vilas recibiu a Medalla de Ouro de Galicia este ano. A entrega da distinción coincidiu coa reedición da obra fundamental do escritor, Memorias dun neno labrego, considerado por moitos como o best seller dos libros en lengua galega.

No mes de xullo Memorias dun neno labrego, publicado orixinalmente en 1961 levaba vendidos 600.000 exemplares. As súas primeiras verbas pasarán a historia: «Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre». A historia de Balbino é o testemuño da vida rural en Galicia nun tempo pasado. Durante décadas foi unha lectura cotiá para os alumnos en moitas escolas galegas. Foi traducida ao castelán, inglés, francés, alemán, checo, ruso e outros idiomas.

Escoita a Neira Vilas

Máis de 40 anos na emigración

Neira Vilas emigrou a Buenos Aires en 1949. Alí fixo a carreira de Xornalismo e exerceu como secretario xeral das Mocedades Galeguistas. Casou coa coa escritora cubana Anisia Miranda, filla de galegos, en 1957. Xuntos fundaron a editorial Follas Novas, para editar e distribuir libros galegos en América. Catro anos despois marcharon para Cuba. E voltaron a Galicia en 1992. Ela finou no ano 2009. El era membro numerario da Real Academia Galega e doctor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. Recibiu numerosos premios e distincións ao longo da súa vida.