«O poder do arcabuz» narrará con danza e baile a revolución irmandiña

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

Quique Peón e Xacarandaina ultiman un espectáculo de gran formato, con cen artistas sobre as táboas, no que fusionarán as distintas artes escénicas

05 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os irmandiños soben a escena. A maior revolta europea do século XV deuse en Galicia e será contada na montaxe O poder do arcabuz. Este é un espectáculo con diferentes escenas «que se irán sucedendo unha tras doutra a modo de actos, nos que se fusionarán diferentes artes escénicas: danza e baile tradicional galego, danza contemporánea, música e teatro». Isto explicaba onte Quique Peón que, xunto coa súa compañía e o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina, leva dous anos traballando nesta montaxe. A estrea será os días 7 e 8 de decembro no teatro Colón de A Coruña e a obra está pensada para escenarios de interior e ao aire libre.

Pedro Lamas é o compositor e director musical e fusionará «a música tradicional e a culta, facendo énfase na do medievo, creando bases contemporáneas e étnicas utilizando música instrumental, de percusión e vocal». Quique Peón, autor, director e coreógrafo da montaxe, salientaba que Lamas é «un músico co que eu me entendo perfectamente e que ten unha sensibilidade extraordinaria».

Ademais, explicaba Peón: «Levamos dous anos traballando e revisando un montón de material para esta obra que, como se comprenderá, coreograficamente, necesita moita xente, porque eran normalmente exércitos e, aínda que non se enfrontaron nunca (isto hai que dicilo), si facían demostracións de forza, que nós tamén vamos facer: non somos 80.000 como eran os irmandiños, pero si somos cen, e armamos bastante, a verdade». Peón confesa que están «moi contentos co resultado, moi felices, moi emocionados». «Creo -anota- que vai haber un antes e un despois deste espectáculo; é todo de nova creación: coreograficamente, movementos, dramaturxicamente, vestiarios, e a música, que está feita para a obra».

O maior espectáculo

A montaxe O poder do arcabuz está pensada «como unha especie de musical, repartida en actos, como os antigos ballets románticos, e todo este conxunto de cousas fai que este sexa o maior espectáculo que se creou en Galicia nos últimos tempos». En canto á dificultade de reflectir os sentimentos coa danza, di: «Este traballo de investigación sobre os nosos movementos tradicionais, para que transmitan unha emoción e esa emoción utilizala para a dramaturxia da obra, é complicado, pero creo que aquí está conseguido».

O primeiro acto leva por título Opresión e convencemento, unha coreografía que representa o sufrir do pobo polo asoballamento ao que está sometido. No segundo «fórmase a xunta da Santa Irmandade e escóllese ao capitán irmandiño», mentres que o terceiro é o «asedio coreográfico e musical dos irmandiños á nobre». Sobre o motivo de que a nobre sexa unha muller, apunta Peón: «Está o papel moi ben pensado para ela, unha bailarina moi completa». O exilio da nobre e o desenlace ocupan os últimos actos.

En canto ao emprego do arcabuz, explica: «Era a primeira arma de pólvora, un mosquetón enorme, e os primeiros que apareceron en Galicia os trouxeron os exércitos do nobres cando apoiados por Castela e por Portugal volveron a Galicia. O poder do arcabuz é para falar un pouco do poder do diñeiro: os nobres non serían capaces de volver senón foran apoiados polos cartos... Parece que isto dos cartos, do poder establecido, de non estar conforme con moitas cousas que pasan resulta moi actual».