Arcadio López- Casanova, premio Voz de Liberdade 2015 do Pen Galicia

La Voz

CULTURA

ALBERTO LÓPEZ

O poeta, dramaturgo, crítico literario e investigador sempre destacou na súa faceta de creador e na de teórico da literatura

29 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O PEN Club Galicia, a través dun xurado cualificador integrado por Luís González Tosar, Inma López Silva, Manuel Guede, Armando Requeixo, Luis Menéndez, Bieito Iglesias, Fina Casalderrey e Xabier Castro Martínez, logo de examinar diversas propostas, acordou por unanimidade, outorgarlle o premio Voz de Liberdade 2015 a Arcadio López-Casanova (Lugo, 1942), poeta, dramaturgo, crítico literario e investigador que ten participado activamente no PEN galego desde a súa fundación. López-Casanova sempre destacou tanto na súa faceta de creador como na de teórico da literatura, e debe salientarse «a súa fidelidade á lingua galega ao longo de máis de cinco décadas e o seu permanente compromiso coa liberdade de expresión». Lembranza especial merece o seu libro Palabra de honor (1967), que foi censurado. O acto de entrega do premio, consistente nunha peza escultórica orixinal de Acisclo Manzano, terá lugar nunha velada literaria no Consello da Cultura Galega, que se celebrará o próximo 26 de novembro.