«Venres nas Librarías» ofrece en dous meses más de 80 actos culturais

Joel Gómez LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

Comeza esta tarde e dinamiza a 17 establecementos, 8 editoras e escritores

02 oct 2015 . Actualizado a las 13:07 h.

Paco Rivas na libraría Cartabón de Vigo, Afonso Eiré na Káthedra de Ourense, e Suso Lista na Trama de Lugo inauguran esta tarde a campaña Venres nas Librarías. Presentan os seus últimos títulos, publicados polas editoras Cumio, Hércules e Embora. O ciclo continúa mañá e contempla actos de promoción do libro e a lectura todos os venres e sábados de outubro e novembro.

Nesta iniciativa participan a Xunta, que estivo representada no seu lanzamento polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; a Federación de Librarías de Galicia, pola que asistiron a súa presidente e o vicepresidente, Pilar Rodríguez e Xosé Pedreira; e a Asociación Galega de Editores, pola que acudiu Miguel Toval. A imaxe da campaña é da ilustradora Pilar Mayor.

Alén das librarías antes sinaladas, tamén se notará a campaña en Suévia, Couceiro e FNAC, da Coruña; Andel, Casal do Libro e Librouro, de Vigo; Aenea e Pedreira, de Santiago; e en Nós (Sanxenxo), Ler (Cee), Vagalume (Lalín), Bahía (Foz), Day (Narón) e O Pontillón (Moaña).

Polas editoras interveñen as tres citadas e Nova Galicia, Galaxia, Xerais, Toxosoutos e Urco. E Pedro Feijoo, María Reimóndez, Sérgio Tannus, Xesús Constenla, Andrea Barreira, Francisco A. Vidal, Chuches Amil, Alonso Diz, Merchi Rodal, Lydia Botana ou Maimiñas figuran entre os produtores que darán a coñecer novidades a través de palestras, lecturas dramatizadas e poéticas, presentacións musicais «e sobre todo con propostas nas que se promoverá a participación activa do público de todas as idades», segundo se indicou.

Continuidade

En total serán «máis de 80 actividades» nestes dous meses. Haberá continuidade, con nova programación, en febreiro e marzo, afirmou Anxo Lorenzo. Este é o segundo ano que se celebra a campaña, á que Cultura destina 12.000 euros para financiar o movemento de autores; alén de difundir a iniciativa e patrocinar premios e agasallos en concursos que se organizarán, con promoción nas redes sociais, sinalou.

Sol Vázquez resaltou a preocupación por visualizar o sector comercial de proximidade, e favorecer que as librarías se adapten ás novas tendencias dos consumidores e teñan un novo carácter. Para iso, explicou, pode contribuír o contacto directo con escritores nas súas instalacións.

Pilar Rodríguez salientou o interese en gañar visibilidade para o libro e a lectura, e «redefinir espazos» nas librarías para atraer clientela e novas persoas interesadas na lectura, alén de mellorar a difusión da riqueza literaria do país.

A xuízo de Miguel Toval, son necesarias políticas de fomento da cultura e axudar a que o sector «non esmoreza». Para iso, acrecentou, é importante a promoción do libro galego e o fomento da lectura con campañas como esta, que as empresas editoras están dispostas a apoiar.