Martín. Audiencia Provincial de A Coruña. 30 de maio do 2014

CULTURA

Vixésimo oitavo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

28 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Martín observou o rostro desencaixado de Tamara, que tatexaba ante o interrogatorio da defensa.

-Señorita Couso, conteste. Coñece a Emilia Wagner?

-Ela aseguroume que o mellor era que Val pagara por isto. Que era mala. Eu díxenlle que fora en defensa propia?

-Señorita Couso, está a dicir que recibiu cartos de Emilia Wagner por dicir aquí que Val Valdés matara a Marcos Leis? Sabe que pode cometer un delito de falso testemuño?

A acusación particular e a fiscalía protestaron. O xuíz fixo caso omiso da protesta pero, á vista dos acontecementos, acordou un receso dunha hora.

Para Martín o xuízo non era máis ca unha sinfonía que se desenvolvía baixo a súa batuta. O xurado popular non tiña máis que deixarse levar pola música.

Tralo receso, Tamara solicitou cambiar a súa declaración inicial. O xuíz estaba visiblemente enfadado.

-Señorita Couso, á vista dos acontecementos teño elementos suficientes para considerar que incorreu vostede en falso testemuño. Pero atendendo ao interese xeral e ao da acusada en particular, dareille a oportunidade de retractarse e de explicar os feitos postos de manifesto polo avogado da defensa.

Tamara botouse a chorar e cubriu o seu rostro coas mans.

-Eu non quería?

-Señorita Couso, fale cando lle pregunten! Avogado, prosiga co interrogatorio.

-Señorita Couso, coñece vostede a Emilia Wagner?

-Si.

-Pode explicar as circunstancias nas que a coñeceu?

-Visiteina en Madrid. Díxenlle que a noite do asasinato seguira a Marcos e a Val. Todo o que contei antes dos meus celos era verdade.

-Iso era verdade? E que non era verdade?

-O de que o matou a sangue frío. A pistola era de Marcos. El dixérame que a levaría para asustala se non lle daba os cartos. Unha vez na rúa de Galeras, foi Marcos o que insistiu en dirixirse ao paseo do río. Cando chegaron, intentou bicala. Botouse enriba dela. Díxolle que esa noite ía? Xa sabe. El apuntábaa coa pistola. Díxolle que se quitara toda a roupa. Así mesmo. Abalanzouse sobre ela e forcexaron. Despois escoitei o disparo e botei a correr. Esa é a verdade. Xúroo.

-Por que non foi a policía?

-Xa o dixen, deume vergoña.

-Pero tomouse a molestia de ir ver a Emilia Wagner.

-Pensei que ela querería saber a verdade. Eles teñen cartos. E eu xa non tiña nada. Marcos morrera.

-Ofreceulle Emilia Wagner cartos por mentir neste xuízo?

-Ofreceume medio millón. Decateime de que odiaba á súa nora. Literalmente díxome que quería que podrecera no cárcere.

-E vostede aceptou?

-E por que non? Ela xa confesara. Supoño que porque non quería que todo iso do fillo se fixese publico. O máis gracioso é que a vella me contou que o fillo era realmente de Matías. Que lle fixera unha proba de ADN había máis de vinte anos.

Val escoitou impasible a declaración de Tamara.

Martín abandonou a sala, sabendo que xa estaba todo feito. Acababan de probar que o asasinato se cometera en defensa propia. E tiñan unha testemuña que ninguén cuestionaría de segunda volta. A pesares de que se alguén se tomaba a molestia de ir ao río Sarela ás once da noite comprobaría que era imposible ver nada. De que non había probas de que esa pistola fose de Marcos. De que resultaba incrible que ninguén pagase para que Val resultara condenada, se xa ela se empeñara en acusarse. Todos eses detalles estaban ocultos polo rebumbio da perfecta posta en escena que acababan de presenciar.

Colleu un taxi cara ao aeroporto. Sorriu para os seu adentros mentres pensaba que, en definitiva, non se lle daba tan mal iso do dereito penal.

Resumo

Pouco antes de comezar o xuízo da súa nai polo asasinato de Marcos Leis, Roi Wagner vai ser nomeado presidente do grupo LAV, culminando a sucesión soñada por Val Valdés. Roi decide entón rematar a relación que viña mantendo coa súa moza, Miriam, a cal lle di que acabará só e entregado aos negocios, do mesmo xeito que a acabou a súa nai. Aínda a sabendas de que ela ten razón, Roi renuncia á súa vida persoal para poñerse ao fronte do inmenso grupo empresarial, tal e como Val sempre desexou.