Roi. Madrid. Marzo do 2014

CULTURA

Vixésimo sétimo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

27 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O despacho de Val mantíñase intacto. Roi observou a morea de fotografías que tiña na mesa. A que máis lle gustaba era unha de cando viaxaran a Disney, en Orlando. Estaban os tres. Matías abrazaba a Val. Roi sorría cun dente fanado. Os tres levaban gorras de Mickey Mouse. Había tamén moitas fotos de Val e del, tomadas nas súas viaxes por Europa.

A partir de agora este sería o seu despacho. O teléfono soou e a secretaria anuncioulle a presenza de Míriam.

-Levas dez días sen quedar comigo -díxolle, ao tempo que o bicaba -e non sei se anoxarme ou tirarme aos teus brazos.

-Estiven atarefado. Hoxe vanme nomear presidente do grupo LAV.

-E non mo dixeras! Serás parvo! Temos que saír a celebralo. Vou reservar agora mesmo nun restaurante novo ao que fun a semana pasada con Carlota. É unha pasada. Fusión de comida xaponesa e española. Xa verás.

-Non.

A voz del cortouna en seco.

-Non podemos celebralo? Mañá? Dez días máis? -preguntou ela sorrindo.

-Míriam, hai tempo que tiñamos que afrontar isto. Os dous sabemos que o asunto da miña nai estame a afectar moito. E agora vou asumir responsabilidades novas. Necesito estar concentrado plenamente na miña carreira. A miña avoa vaime ceder o control de Wagner Corporation. Vou integrar a empresa do meu pai no grupo LAV -mentres lle enumeraba os seus plans de futuro os ollos relucíanlle. -Nin imaxinas o que iso supón. Cos contactos do grupo LAV e as infraestruturas de Wagner Corporation imos acadar unha expansión que nin sequera os nosos analistas son capaces de avaliar.

Míriam comprendeuno de súpeto.

-Estasme a dicir que eu non entro neses plans, non si?

Os seus ollos azuis cubríronse de bágoas. Roi acercouse a ela para consolala.

-Chssss, Míriam. Sempre estarei en débeda contigo pola túa paciencia?

-Non é paciencia, Roi! É amor! Quérote! Merda, non me fodas, Roi! Estasme a dicir que me vas deixar para enterrarte neste despacho? Tés máis cartos dos que podes gastar. E sabes que os meus pais tamén os teñen. Non necesito cartos. Non os necesitamos. Non me importa o da túa nai. Sei que ha saír disto. Ela é forte, Roi.

-Escoita, Míriam, na orde de prioridades da miña vida actual?

-Orde de prioridades? Iso é o que son na túa vida? -separouse del e encarouno de fronte -así que iso é o que son. Unha mera prioridade. E onde me atopo eu? Dígocho? Xusto no medio entre o fodido grupo LAV, as túas saídas nocturnas para facer o que che pete e o férreo control desa avoa túa que non che deixa respirar. Así que explícame que pasou na túa vida no último ano. Explícame que cambiou nesa orde de prioridades, porque me vas perdoar, pero non entendo por que o feito de que a túa nai matase un home fixo que algo cambiase nesta relación.

-O xuízo ha ser desagradable. Non te quero nisto.

-Non me poñas escusas, Roi. Podes facer a frase máis curta. O único que pasa é que simplemente non me queres. Tranquilo, que xa marcho. Lembra este día. O día en que te convertiches en Val Valdés. Un empresario de éxito á fronte dun negocio infinito. Pregúntalle á túa nai como se sinte un sen ter a ninguén para compartires isto, agás unha caterva de avogados que che di a todo que si. Se nin sequera foi quen de criarte!

Os dous quedaron calados, conscientes de que fora demasiado lonxe. Ela colleu o seu bolso e saíu.

Roi sentouse trala robusta mesa de madeira de carballo. Sabía que tiña razón. Que a pesar da morea de fotografías que o rodeaban, neste despacho respirábase soidade. E aínda que nunca o notara ata hoxe, ía frío.

Moito frío.

Resumo

Comeza na Coruña o xuízo a Val Valdés polo asasinato de Marcos Leis. O testemuño de Tamara Couso, a amante do asasinado, esperta gran expectación. Tamara declara que o día do asasinato seguiu a Marcos e a Val porque tiña moitos celos. Declara tamén que Val matou a Marcos a sangue frío. Trala declaración de Tamara, o avogado da defensa descobre, a pesar de que Tamara o nega, que Emilia Wagner, sogra de Val, pagou a Tamara medio millón de euros, presentando como proba a transferencia bancaria.