Val. Audiencia Provinicial de A Coruña. 30 de maio do 2014

CULTURA

Vixésimo sexto capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

26 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O xuízo a Val Valdés polo asasinato de Marcos Leis congregou na Coruña a máis de douscentos xornalistas acreditados. Os primeiros días do xuízo desfilaron os asistentes á cea sen que aportasen datos de interese. Foi o Padre Roque o que confirmou o que xa era un secreto a voces: que Val e Marcos foran mozos. Nos programas de televisión comezaron as especulacións.

O equipo de Martín foi soltando pequenas pílulas de información aos colaboradores deses programas. Así foi como o país enteiro coñeceu dos encontros de Marcos coa súa amante de vinte anos nun hostal de Louro. Da súa adicción á coca. Dos dous expedientes disciplinarios que lle abriran no banco.

Pouco a pouco, a figura de Marcos foise debuxando para o público, mentres que Val Valdés se limitaba a observar o espectáculo dende o banco dos acusados. Hoxe en concreto, a testemuña levantara unha gran expectación.

-A acusación particular chama a declarar a Tamara Couso Fernández.

Mentres prestaba xuramento, Val observou á rapaza que fora a amante de Marcos. Lucía unha melena loura solta e nin gota de maquillaxe.

O interrogatorio comezou sentando as bases da relación entre Marcos e Tamara. Os pais del estaban dispostos a pasar por iso, con tal de demostrar a culpabilidade de Val. A acusación presentou como proba material o iPad de Marcos. Val buscou a Roi na sala. Non estaba. Por unha vez na vida, fixéralle caso.

-Recoñece vostede o contido dos arquivos que aparecen baixo o nome de Val Valdés?

Tamara respondeu cravando a súa mirada en Val.

-Si. Son os documentos que lle levei a Val Valdés o ano pasado cando fun a Madrid.

-Pode describir ese encontro?

-Nese encontro entregueille as probas de que Roi Wagner non era fillo lexítimo de Matías Wagner. E pedinlle seis millóns de euros a cambio da nosa colaboración para que esta información se mantivese en secreto.

-Que lle contestou a acusada?

-Dixo que lle daría a Marcos xusto o que merecía.

Os murmurios eleváronse na sala. O xuíz ordenou gardar silencio.

-Pode dicir cando volveu ver á acusada?

-A noite do asasinato. Os celos comíanme. Marcos estaba tan nervioso que a min non me saía da cachola que aínda estaba tolo por ela. Sobre as once da noite saíron do Hostal. Seguinos pola rúa das Hortas. Camiñaban lixeiros e dirixíronse cara o paseo do río Sarela. Estaba escuro. Cando se detiveron, achegueime o suficiente para oír o que falaban. Marcos díxolle a Val que ela tiña nas súas mans arranxar o que lle fixera hai trinta anos. Ela non dixo nada. Só abriu o seu bolso, sacou unha arma e disparou.

-Vostede non gritou? Non chamou a policía?

-Eu quedei paralizada. Despois botei a correr. Entenda que estaba asustada. Ao día seguinte lin en Internet que se entregara. Decidín non dicir nada. Deume vergoña cos meus pais e coa súa muller.

Val observouna. Parecía a rapaza que realmente era. Cruzaron as súas miradas. A de Tamara era triunfante.

O avogado da defensa ergueuse para a súa quenda de preguntas.

-Señorita Couso, coñece vostede a algún membro da familia da acusada?

-Non.

- É vostede consciente de que se atopa baixo xuramento?

Tamara asentiu.

-Preguntareillo doutro xeito. Coñece a Dona Emilia Wagner, sogra da acusada?

-Non.

-A defensa quere presentar como proba un extracto bancario que reflicte unha transferencia de Dona Emilia Wagner a favor de Tamara Couso Fernández, por valor de quiñentos mil euros nun banco de Andorra. Agora, señorita Couso, repetireille a pregunta. Coñece vostede a Dona Emilia Wagner, sogra da acusada?

Resumo

O Padre Roque recibe no colexio do Milladoiro, recentemente estreado, a visita de Martín Vila, avogado de Val Valdés, a cal se atopa actualmente en prisión tralo asasinato de Marcos Leis, acaecido nunha cea de antigos alumnos do Colexio Santa Catalina. O avogado entrégalle en man uns documentos que acreditan que Val mercou o antigo colexio coa intención de cederllo á súa orde relixiosa, en consideración ás atencións que Val recibira do centro cando era nova, xa que sempre foi bolseira da institución.