Roque. Milladoiro. 17 de marzo do 2014

CULTURA

Vixésimo quinto capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

25 ago 2015 . Actualizado a las 12:13 h.

Roque levou o pito aos beizos e asubiou o final do partido. Os de segundo da ESO levantaron os brazos, celebrando a súa vitoria. Os de terceiro sentaron no chan do campo de baloncesto, esgotados física e moralmente

-Dádevos a man -dixo Roque -. Lembrade que é máis importante saber perder que gañar.

Un rapaz dirixiuse ao capitán de segundo e felicitouno.

O pavillón polideportivo aínda cheiraba a novo. A pesares da súa resistencia, Roque tiña que recoñecer que as instalacións do novo Santa Catalina eran inmellorables: piscina cuberta, pista olímpica de atletismo, auditorio? Pero aínda que os pais estaban satisfeitos e os nenos tamén, a Roque custáballe atopar a Deus nesa igrexa de frío formigón gris e cristal reflectinte. Apenas entrara nela dende que oficiara a misa de inauguración.

Decatouse de que un home o agardaba na porta do pavillón.

-Boas tardes.

-Boas. Na conserxería dixéronme que o atoparía aquí. É vostede Roque Sanmartín Bahamonde?

A Roque estrañoulle que se dirixira a el polo seu nome completo.

-Son eu. Pasou algo?

-Teño que entregarlle algo. En man.

- É vostede policía? Avogado?

-Debo levalo escrito na fronte. Efectivamente, son avogado. O avogado de Val Valdés. Poderiamos ir ao seu despacho?

Roque asentiu.

-É vostede o avogado que a defenderá no xuízo?

-Non, Padre Roque. É así como teño que chamalo?

-Padre Roque está ben.

-Non, non son o seu avogado no xuízo. Son o xefe do gabinete xurídico do grupo LAV.

Entraron no despacho. Era un espazo diáfano e austero. Tan só unha mesa grande de traballo cun portátil e un estante con libros. As paredes exhibíanse núas. Un pequeno crucifixo destacaba, rachando a brancura inmaculada da parede.

Roque observou que a vista do home se detiña na única fotografía da habitación. A da súa ordenación.

-Como dixo que se chamaba?

-Non o dixen. Chámome Martín Vila.

-E que é iso que me ten que dar?

O avogado abriu o maletín e sacou un sobre grande.

-Hai tres meses que a señora Valdés me ordenou adquirir a propiedade das instalacións do antigo colexio Santa Catalina. Como vostede sabe, esas instalacións foran adquiridas pola Construtora Taboleiro S.A. Tendo en conta as dificultades que estaban a atopar coas licencias de construción e o complicado do proxecto pola situación do edificio no casco histórico, foi doado convencer aos construtores. As instalacións foron adquiridas por Val Valdés a título particular. E agora ela quere cederllas á súa orde relixiosa. As condicións xurídicas da cesión están aquí. En canto vostedes as examinen e acepten, as instalacións estarán á súa disposición. Neste momento están intactas, igual que as deixaron o pasado agosto cando as abandonaron. A señora Valdés suxeriu trasladar alí educación infantil e primaria, e manter secundaria e bacharelato aquí. De todos os xeitos, non é mais ca un consello. Ela non ten vontade de intervir na xestión do colexio. Pídeme que lle transmita a vostede que esta doazón non é máis unha forma de devolverlle á institución todo o que fixo por ela cando era nova. As condicións están detalladas polo miúdo no documento. Incluída a obriga de que esta doazón se manteña en secreto. Esa é practicamente a única esixencia real deste acordo.

Roque sentouse na súa cadeira, tan sorprendido que non sabía que dicir.

-Déixolle os documentos e a miña tarxeta. Agora, se me desculpa, debo visitar a outra persoa na Zona Vella.

Roque quedou solo, no seu despacho, coa vista cravada no crucifixo. Definitivamente, nesta vida, cada un tiña que levar a súa cruz.

RESUMO

O día da cea do 25 de aniversario da promoción do colexio Santa Catalina do 88, Marcos agarda o seu encontro con Val Valdés, que fora a súa moza na adolescencia. Cando ela chega, Marcos lembra os seus momentos íntimos con ela, ao tempo que revive a carraxe que sentiu cando foi abandonado por Valentina. Val enfróntase a el en privado, botándolle en cara o intento de chantaxe que levou a cabo a través da súa amante, Tamara. Trala cea, ambos abandonan o Hostal dos Reis Católicos para mergullarse na noite compostelá.