Marcos. Santiago de Compostela, 17 de maio do 2013

CULTURA

abraldes

Vixésimo carto capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

24 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Observouna mentres se fundía nunha aperta con Lía, coma se o tempo non tivera transcorrido. Levaba o pelo recollido. No estremo superior dereito da súa fronte, Marcos puido distinguir aquela pequena cicatriz que lle quedara despois de que se golpease cun estante na aula de música. Déranlle tres puntos.

El acompañáraa ao centro de saúde e sostivéralle a man mentres a cosían. Ela non se queixara. Nunca o facía. Lembraba os bicos que lle dera nese pequeno sinal. Ao seu carón, o Padre Roque tamén a miraba. Todos o facían. Marcos recobrou a conciencia do que estaba a suceder.

-Hai cousas que non cambian cos anos, verdade Padre? Sempre lle gustou ser o centro de atención.

O Padre Roque respondeulle, defendéndoa. Sempre fora a súa favorita. A de todos.

Contestoulle ao cura o primeiro que lle veu á cabeza, mentres permanecía coa vista fixa nesa pequena cicatriz, que lle amosaba o instante máis íntimo que tivera con ela. Máis aló dos bicos. Do tacto da súa pel. Medroulle lume no peito. Colleu unha copa. O Padre Roque foi cara a ela. Parouna e díxolle algo. Ela contestoulle sen apenas ollalo e dirixiuse cara a el. Marcos sentiu o celme da vitoria. Hoxe toda a súa atención sería súa. Encargárase diso.

Plantouse diante del e nin sequera lle deu a man. Nin un bico. Nin un sorriso.

-É incrible Marcos, o pouco que cambia a xente. A última vez que te vin agochábaste detrás desa nai túa, snob e estirada. E agora mándasme unha rapaza de instituto. Dime, Marcos, cando vas ter os collóns suficientes para tratar comigo cara a cara?

Marcos sentiu que lle fervía o rostro.

-A miña nai tiña razón. Só eras unha puta.

-Non, Marcos. O teu problema é que nunca o fun. E ti sábelo mellor que ninguén. E deixa de mirarme así. Xa non son Tina. Son Val Valdés e teño unha imaxe que manter. Así que sorrí. E despois do segundo prato agarda aquí. Temos que arranxar este asunto.

De súpeto, Lía apareceu detrás deles e pediulle a Val que posase para un selfie. Val sorriulle ao móbil e fíxolle prometer que non o colgaría nas redes sociais.

-Eu tamén quero un -díxolle el.

Ela non lle respondeu, pero abrazouno pola cintura e sacou a foto co seu propio móbil. Despois, sen mediar palabra, desapareceu no interior do edificio.

O comedor estaba disposto en mesas redondas de oito comensais. Marcos non estaba na mesa dela. Ao fondo, unha enorme pantalla reflectía imaxes dos cursos que pasaran xuntos. Fotografías de olimpíadas escolares. Viaxes de fin de curso. A viaxe aos Ancares.

Marcos sabía que fora aí onde se torcera todo. Lembrou a Tina amontoando feixes de palla, recollendo o esterco. Traballando arreo, sen unha queixa. Nunca se queixaba. Lembrou de novo a cicatriz. E todo o demais. Sentía as miradas cravadas nel. De seguro falaban de como o deixara tirado coma a un can. O balbordo non se aturaba. Os rostros mesturábanse coma nun calidoscopio. Ía tolear. Reprimiu as ganas de berrar. Ao seu carón, Pedro Rey contáballe que acabara de enxeñeiro na Citroën. Estivo a piques de mandalo ao carallo.

Saíu fóra a fumar un cigarro. Decidiu agardala alí. Dentro non a deixaban en paz. Rodeábana coma se fose un animal de feira. De feito, iso era. Nin rastro da Tina que fora. Tan só o leve resto dun sinal na fronte.

Ela apareceulle por detrás e púxolle a man no ombreiro.

-Aquí non podemos falar. Imos dar unha volta.

El asentiu e saíron á praza do Obradoiro. A noite era fermosa. Ela tamén. Tanto que, por uns instantes, case conseguiu esquecer o moito que a odiaba. Aínda.

Resumo

De cara a preparar o xuízo, Martín viaxa a Compostela para localizar á que fora a amante de Marcos. Cando contacta con ela, Tamara advírtelle de que declarará en contra de Val, e que revelará que o móbil do crime foi o conato de chantaxe que intentaran Marcos e mais ela.

Martín convence a Tamara para que mude a súa declaración a cambio dun millón de euros. Para cobralo, Tamara terá que declarar que seguiu a Marcos e a Val a noite da cea, e que observou como Val mataba a Marcos a sangue frío.