Roque. Santiago de Compostela. 17 de maio do 2013

CULTURA

Vixésimo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

20 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Empezaron a chegar ao redor das oito. Xa refrescaba, aínda que fixera moi bo día. Estaban no patio do Hostal dos Reis Católicos e comezaban a servir o aperitivo.

Roque colleu unha copa de viño branco e deambulou polo patio saudando a uns e aos outros. Moitos deles levaban aos seus fillos a Santa Catalina. Na maioría podía distinguir os rostros dos rapaces que foran os seus alumnos.

Agora, pasados vinte e cinco anos dende que remataran o COU, Roque decatouse do novo que era cando lles comezou a dar clase, aquel setembro de 1984. Case podía mesturarse entre eles sen que se apreciase a diferenza. Aos seus cincuenta e cinco anos, Roque mantíñase en forma. Corría todos os días pola alameda. Chovera ou ventase. E, aínda que o seu pelo louro clareara algo, seguía mantendo nos seus ollos negros a mesma ilusión do día en que se ordenou sacerdote.

Cando lle preguntaban se sempre quixera ser cura, el contestaba que o que sempre quixo foi ser mestre. Cada un dos homes e mulleres que o rodeaban nese patio dáballe sentido á súa existencia.

Buscouna inutilmente coa mirada, sen atopala. Sabía que tiña que falar con ela e contarlle o de Santa Catalina. Repasaba mentalmente a conversa que tería con Tina. Dez millóns. Só dez millóns e Santa Catalina e cada unha das súas pedras seguirían en pé, ao servizo das futuras xeracións de nenos composteláns.

Tiña pensado ofrecerlle a xestión do colexio. Ensaiara o seu discurso. Comezaría lembrándolle o que a institución fixera por ela. Nove anos de formación de balde no colexio máis caro e prestixioso de Compostela. Un acto de caridade coa filla dunha traballadora. Podían facelo a través da fundación do grupo LAV. Poñerlle o seu nome. Reservar un número importante de prazas para nenos necesitados. Ou convertelo no mellor colexio de España. De Europa. Do mundo. Facer un internado. O que ela quixera. Dez millóns. Necesito dez millóns, Tina.

Tomou aire. Non sería doado. Pero faríao. Porque Deus estáballe a poñer no camiño a unha das mulleres máis ricas do país, e tiña que aproveitar a oportunidade. Apurou a copa.

De súpeto, as miradas de todos dirixíronse cara a porta. Chegara. Vestía uns vaqueiros e unha americana azul. Por debaixo, unha sinxela blusa de seda branca. Levaba o cabelo recollido.

Lía acercouse a ela. Fundíronse nunha aperta. Era a súa mellor amiga no colexio.

-Hai cousas que non cambian cos anos, verdade, Padre? Sempre lle gustou ser o centro de atención.

O que falaba ao seu carón era Marcos Leis. Roque ollouno con curiosidade. Ao longo da semana preguntarase se ese encontro se ía producir. Marcos e Tina.

-Eu coido que non. Simplemente era inevitable. Que tal, Marcos? Como che vai?

-Xa o ve, Padre. Aquí estamos. Coido que nos atopamos exactamente no mesmo punto onde nos atopabamos hai case trinta anos -dixo, sen separar a vista de Tina -E sen embargo, ningún de nós é xa o mesmo, non si?

Roque ollouno de fronte. Decatouse de que el non era o único que tería que arranxar algún asunto con Tina esa noite.

Avanzou cara a ela e ao chegar ao seu carón estendeulle a man, a modo de saúdo.

-A nosa Tina González, convertida na sobrevivente Val Valdés. Nada máis e nada menos.

-Cada un convertese naquilo que sempre desexou, Padre Roque. Cumpríronselle a vostede os seus desexos, Padre?

Roque mergullouse na súa mirada verde auga.

-Non, Tina. Non se me cumpriron.

-Entón, xa somos dous -díxolle ela, deixándoo coa palabra na boca para dirixirse directamente ao lugar onde se atopaba Marcos Leis.

RESUMO

Un mes antes da cea da promoción do 88 de Santa Catalina, Marcos acorda coa súa amante, Tamara, facerlle chantaxe a Val Valdés. Marcos cóntalle a Tamara que na súa adolescencia foi mozo de Val. Tamén lle revela que ten probas de que o fillo de Val Valdés non é fillo bióloxico do seu home, Matías Wagner, xa que naceu nove meses despois dunha excursión que fixeran xuntos aos Ancares no ano 1985. Marcos encárgalle a Tamara ir a Madrid e pedirlle a Val seis millóns de euros a cambio do seu silencio.