Val. Museo de El Prado, Madrid. Maio de 1985

CULTURA

Décimo sexto capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

16 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

-Arrepiante, verdade?

A voz do home sacou a Tina do seu ensimesmamento.

-Certamente. Canibalismo e infanticidio agravado polo feito de que o devorado é o fillo. Non sei se é o marcado expresionismo ou o carácter antinatural da escena, pero a súa morbosidade resulta atraínte dun xeito hipnótico.

-Vaia! Unha mulleriña formada. A maioría das rapazas prefiren pararse diante das Meninas.

-Eu non son a maioría das rapazas.

-Encantado entón de coñecer a unha con tan bo criterio. Chámome Matías.

-Eu son Tina. Estou de excursión.

Decatouse do absurdo da conversa.

-Os meus compañeiros están por aí mercando agasallos e eu estou? vendo cadros.

Non sabía por que necesitaba explicarse diante daquel descoñecido.

-Escapaches.

-Non escapei. Só estou? a pasar o tempo.

-Vendo como Saturno devora ao seu fillo. Como o definiches? Contra natura? Gústache a arte?

-Gústanme os museos. E ata agora nunca vira un tan grande.

-De onde es?

-De Santiago.

Tina decatouse do pouco que lle custaba falar con aquel home de ollos azuis. Tería aproximadamente uns cincuenta anos. Vestía un traxe gris de raias. Parecía un banqueiro ou alguén importante. De pequena soñaba a miúdo que tiña un pai así.

-E ti de onde es?

-Son alemán. Pero vivo en Madrid dende neno.

-Xa, claro. Non tes acento.

Tina sentiuse como unha nena mal vestida na misa de doce. Levaba uns vaqueiros gastados, unha camiseta branca co lema Look at me, e unhas vellas zapatillas Jhayber.

-Ben, pois encantada de coñecerte, Matías. Coido que teño que volver rápido, se non quero que me busque toda a policía de Madrid.

-Pódote acompañar. Teño fóra o coche.

-Non -respondeu ela bruscamente.

-Si, claro, que parvo. Nunca subas ao coche dun señor descoñecido que podería ser o teu pai.

-Perdoa, non quixen dicir iso. E só que? que non te coñezo.

-Fas ben. Podería ser un violador, un asasino en serie ou un pervertido que asalta nenas nos museos. O asasino do Museo do Prado.

Ambos sorriron.

-Bo título para unha novela.

-Así que como non quero asustarte direille ao meu chofer que te recolla na porta e te devolva sa ao teu hotel. Antonio é un honorable cabaleiro que evitará que te perdas nesta tola cidade. É o menos que podo facer, despois do susto que che dei.

-Por que es tan amable?

-Porque me lembras a unha persoa que coñecín. E porque te vin saíndo do baño. Son un home moi curioso que quere saber porque unha rapaza tan guapa chora con esa angustia.

Tina baixou a vista, avergoñada.

-Imos facer unha cousa, vouche dar a miña tarxeta. Antonio vaite levar ao hotel. Quen sabe se algún día volves a Madrid e visitamos xuntos algún Museo.

Matías acompañouna ao exterior. Deulle unhas breves indicacións ao condutor.

-Foi un pracer coñecerte. Prométeme que se algún día volves a Madrid, me chamarás.

-Para min tamén foi un pracer.

En quince minutos Antonio deixábaa na porta do hotel. Deulle as grazas e subiu axiña esperando que ninguén a vise baixando do coche dun descoñecido.

Xa na habitación que compartía con Lía, tirou o macuto ao chan e deitouse na cama. Sacou a tarxeta do peto.

Matías Wagner. Presidente de Wagner Corporation.

Seguramente tiña algunha filla da súa idade. E a levaba aos museos para comentar algún cadro. Aínda que fora as Meninas. Seguramente non sospeitaba canto desexaría ela poder quedar eternamente sentada diante dun cadro, rodeada de turistas, illada do mundo. Nun par de días xa non lembraría a rapaza que coñeceu ollando un cadro de Goya.

Ergueuse de súpeto e correu cara ao baño.

Por segunda vez nese día, vomitou.

RESUMO

O Padre Roque Sanmartín recibe en Santa Catalina a visita dunha muller descoñecida. Trátase da muller de Marcos Leis, Nuria, que lle reclama explicacións respecto do sucedido na cea de antigos alumnos na que asasinaron ao seu esposo. Nuria entrégalle ao sacerdote uns papeis que pertenceron ao finado Marcos, nos que se investiga o pasado de Val Valdés, incluíndo unha copia do certificado de nacemento de Roi Wagner, para ver se o cura lle pode aclarar a natureza da relación entre Val e Marcos.