Marcos. Madrid, 8 de marzo do 2013

CULTURA

ABRALDES

Décimo carto capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo», de Arantza Portabales Santomé

14 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A muller que sentou ao seu lado era atractiva. A Marcos non lle gustaban as mulleres da súa idade. Prefería as rapazas novas coma Tamara, pero recoñecía que esta tiña un punto. Un bo corpo. Pelo curto e ollos claros. Así imaxinaba que sería Tina con corenta anos. O curioso é que non se parecía nada a Val Valdés.

Mentres despegaban, o estómago deulle a volta. Odiaba voar. O avión estaba cheo. Políticos, empresarios, executivos... Era o último do día.

A muller levaba un portafolios de Hugo Boss. Decatouse de que tiña un reloxo caro e que vestía un traxe de chaqueta de corte impecable. Nuria gastaba fortunas en roupa, pero non lle sentaba. Dende que nacera Iria non conseguira recuperar o tipo. É máis, cada día estaba máis gorda.

A verdade era que a muller non estaba nada mal. Arrimou a súa perna á dela. Ela púxose ríxida. Demo, canto máis a miraba máis lle gustaba. Sorriulle. Arrimouse un pouco máis. Ela colocou o portafolios entre os dous. Marcos sentiu unha furia incontrolable dentro. Non era máis que unha fulana fríxida. Coma todas.

Pechou os ollos, contando os minutos que quedaban para aterrar en Santiago. O día fora moi frutífero. Conseguira ollar a Tina de lonxe. Un sempre pensa que os famosos viven nunha urna de cristal, e sen embargo tan só necesitou un par de horas sentado fronte á porta principal do grupo LAV para vela. Saíra ao mediodía a comer a unha cafetería preto das súas oficinas. Era ela e non o era.

Os anos foran xenerosos con Tina, pero Marcos non foi quen de atopar nin rastro da rapaza pola que estivera tolo había mil anos. Acompañábaa un home, pero non tiña pinta de ser o seu mozo. Un compañeiro de traballo, quizais. Sacoulles algunhas fotos a distancia. En canto chegase a Santiago ía contratar a alguén para investigalos. Xa tiña que telo feito hai uns meses.

Entraron nunha zona de turbulencias. Marcos comezou a suar copiosamente. Ergueuse para quitar a chaqueta.

-Deseguido pasa.

A muller mirábao cun certo aire de compaixón. A moi puta. Eran todas iguais. Primeiro apartáballe a perna e despois mirábao coma se fora un can desvalido. Non se molestou en contestarlle.

Volveu pechar os ollos. Pensou en Tina. Esa Val non lle importaba un carallo. A muller que vira hoxe non era máis ca unha parte do seu plan. Pero era pensar en Tina e fervíalle o corpo.

Como demo non se decatara desa historia de Val Valdés? Repasando as hemerotecas comprobou que no ano 2000 España enteira vivía por e para Sobrevivindo. Vivían para unha muller de trinta anos que puxera patas arriba a televisión nacional. O país dividírase totalmente entre os seus partidarios e os seus detractores. Uns pensaban que non era máis que unha pobre viúva que necesitaba sacar adiante ao seu fillo. Para outros non era máis que unha fulana capaz de deitarse con calquera por cartos. E el estaba totalmente á marxe. É certo que eran outros tempos. Apenas manexaban Internet. E daquela, andaba todo o día posto de coca ata as orellas. Demasiado ocupado para ver a televisión ou ler xornais. De feito, estivera a piques de perder o traballo. O seu pai tivera que mover todas as súas influenzas no banco para evitar que o botasen fóra.

Pero iso quedara atrás. Agora estaba no lugar correcto, no intre axeitado. Sabía todo o que tiña que saber.

A azafata anunciou que chegaban a Santiago. Marcos colleu a súa chaqueta. Comprobou que no peto aínda se atopaba o papel que fora buscar a Madrid.

Unha copia do certificado de nacemento de Roi Wagner González.

ABRALDES

Resumo

Apenas uns días antes de se celebrar a cea de exlumnos de Santa Catalina, Martín Vila recibe ordes da súa xefa, Val Valdés, para que prepare os poderes necesarios de xeito que o seu fillo a poida substituír á fronte da empresa. Así mesmo, encárgalle que realice os trámites necesarios para nomear a Roi vicepresidente. Martín e Val teñen un grave enfrontamento, dado que ela non lle aclara as razóns das súas decisións e Martín devece por axudala e ocupar o oco deixado na vida de Val por Matías Wagner.