Martín. Sede do grupo LAV, Madrid, 13 de maio do 2013

CULTURA

abraldes

Décimo terceiro capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo», de Arantza Portabales Santomé

13 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

-Pasa e pecha a porta, por favor.

Martín entrou no amplo despacho. Val revisaba os papeis do portafolios. Non levantou a vista ata que se sentou en fronte dela.

-Quero facer un poder xeral para Roi. Que teña acceso a todas as miñas contas e bens. E quero un cambio nos estatutos para que Roi me poida suceder en caso de ausencia, vacante ou enfermidade na súa condición de vicepresidente do Grupo LAV.

-Para iso ten que ser nomeado vicepresidente.

-Prepara tamén un poder ao teu favor para representarme na xunta xeral que aprobe o cambio de estatutos e o seu nomeamento.

-De contado. Vasme dicir de que vai isto ou teño que imaxinalo? Roi é intelixente e está ben formado, pero un poder xeral non é ningunha broma. E a vicepresidencia tampouco o é.

-Nunca se sabe cando vou deixar de estar á fronte do barco. Estou moi cansa. Ás veces teño a sensación de que empecei a vivir hai mil anos.

-Pois descansa. Pero non me gusta nada isto. Estaste precipitando. E non é propio de ti. En absoluto.

-Tan só estou tomando medidas por se pasase algo. Cando Matías morreu, tería agradecido moito que deixase as cousas arranxadas, de xeito que a súa nai non puidese dispoñer do meu futuro e do de Roi ás súas anchas.

-Que pasa, ti tamén te vas suicidar?

-Cóidate moito de falar de Matías-. Val dirixiulle unha ollada fría.

-Síntoo. Excedinme.

-É o pai do meu fillo. E foi un excelente pai.

-Que se suicidou.

-Matías tiña un cancro de pulmón con metástase. Non lle quedaban nin tres meses de vida. El tan só exerceu o seu dereito a ter unha morte digna. Morreu coma viviu. Se lle contas isto a alguén, se esta información chega aos oídos de Emilia ou Roi, encargareime persoalmente de sacarte a rastro do Grupo LAV.

-Pero que demo che pasa! Son eu, Martín. Mírame. Sabes que non quixen meterme con Matías. É só que non entendo que actúes así. Se está a pasar algo, creo que teño dereito a sabelo.

-Tes dereito, Martín? A que tes dereito? Quen cres que es? Es o meu asesor e o meu avogado. Non es nin o meu pai, nin o meu mozo, nin o meu home.

-Non. Son o teu amigo. O único que tes. Máis vale que non o esquezas.

Martín saíu do despacho sen volver a vista atrás.

Definitivamente algo ía mal na súa vida. Ela nunca improvisaba. Nunca. E agora saía co de Matías, sen vir a conto.

Tras revisar as contas da herdanza de Roi xa se decatara que a situación económica do seu pai non fora determinante para o suicidio. Matías Wagner era un home rico cando morreu, pero os seus activos estaban en mans de Wagner Corporation, onde a toma de decisións residía na súa nai, Emilia Wagner. Cando morrese, todo sería de Roi.

Cancro terminal. Entendía a decisión de Matías. O que xa non entendía era por que non explicara as causas. O silencio quitáballe creto a Val. Tampouco entendía que non deixase a Val e a Roi en mellor posición. Que os deixase dependendo de Emilia. A resposta só a tiña Matías.

Sempre Matías. Martín sentía a súa presenza entre el e Val coma unha pantasma, permanentemente.

Entrou no seu despacho e díxolle á súa secretaria que non lle pasase chamadas. Comezou a preparar os poderes. Aquilo non tiña ningún sentido. Non sabía o que era, pero Val tiña algún tipo de problema e el non ía quedar parado coma un espantallo. Ía encargarse de adiviñar que sucedía. E ía arranxar o que queira que fose que a preocupaba. Sempre deveceu por ser ese home no museo que a salvara.

E o seu instinto dicíalle que a oportunidade que levaba oito anos esperando estaba a piques de chegar.

Resumo

No verán do 2013, Roi Wagner viaxa ao centro penitenciario de Teixeiro para intentar descubrir as razóns que impulsaron á súa nai a matar a un home durante o transcurso dunha cea de exalumnos. Roi mantén unha boa, pero distante, relación coa súa nai, Val Valdés, dado que os seus contactos, trala saída desta do programa «Sobrevivindo», foron moi esporádicos. Na súa visita, a súa nai non lle aclara as razóns do asasinato, pero pídelle a Roi que abra dúas contas en Suíza para os fillos do finado Marcos.