Roi. Aiglon College, Suíza. Ano 2000

CULTURA

Sétimo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

07 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

-Disciplina, honestidade, tenacidade, integridade e rectitude. Todos eles son valores que o noso centro pon por riba da mera formación académica. Unha pelexa de patio cun tabique nasal roto coma resultado non parece casar moi ben con estes valores. Coido que dúas semanas sen saír do centro e a retirada dos seus correspondentes soldos semanais faranlle reflexionar sobre a súa conduta. Agora Scott, pode saír. Vostede, Wagner, agarde aquí, no meu despacho.

O director do internado non mudou o rostro ata que o mozo pechou a porta. Un leve sorriso atenuou as súas faccións severas.

-E agora, Roi, se es o home que coido que es, non me dirás porque lle rompiches o nariz a James Scott. Pero quero que saibas que sei por que o fixeches. E enténdoo. Demo. Claro que o entendo. Pero non podo, nin debo, consentilo. Así que escribirás unha desculpa por escrito para os pais de James. Entendido Wagner?

-Si, señor.

-Roi, cando tiña nove anos, os meus pais divorciáronse. En 1950, non era doado ser fillo de divorciados. Rompín moitos narices no patio de Eton. E non tiven ao meu carón ninguén que me explicase que eu non tiña culpa de nada. Transcorreron moitos anos ata que a miña nai me explicou por que decidiu ser a primeira Campbell-Smith en abandonar ao seu home. O curioso é que para entón xa non me importaba. Era demasiado tarde.

-Non é unha puta.

-Por suposto que non, -díxolle pasando por alto o exabrupto -e a miña nai tampouco o era. Non me gustaría que pasaras os seguintes trinta anos da túa vida odiando á túa nai. É unha gran muller. E o teu pai era un gran home. Coñecino na entrevista de admisión.

-Trouxeron exemplares de xornais españois. Falan dela coma se fose unha calquera. Disque enganou ao meu pai. Que el era un vello que a violou con quince anos. E ela non nega nada. Emiten ese programa durante vinte e catro horas. E todos os homes dese programa andan tras dela coma cans en celo. Esa non é a miña nai. E se teño que partirlle o nariz a Scott e a vinte coma el, fareino e?

As bágoas corrían libres polo rostro de Roi e as verbas afogaban na súa gorxa. O director deixouno chorar libremente. Tiña unha especial debilidade por Roi Wagner. Todo o que lle contara era rigorosamente certo e, salvando as distancias de idade e nacionalidade, Roi lembráballe demasiado ao neno que el fora como para deixar pasar o asunto coma se nada.

Ademais tiña outra razón.

A súa nai visitárao quince días antes do comezo de Sobrevivindo, e explicáralle o tipo de programa ao que ía. Estaba, díxolle, firmemente decidida a conseguir o premio. Por Roi, principalmente. Acaso non era entendible que unha nai fixera todo tipo de sacrificios polo seu fillo? Ese tipo de programas non se gañaban agochada trala imaxe de muller honorable que construíra nos pasados anos. A muller que ía a Sobrevivindo daría que falar, espertaría sentimentos encontrados, xogaría coa súa imaxe de viúva. Tería que empregar a fondo todas as súas bazas. E necesitaba que Roi se mantivese á marxe. Tan só coa súa colaboración, podería neutralizar as informacións que chegaran ao internado. Necesitaba saber que aquí fóra, alguén coidaba de Roi.

-Non é unha puta? -farfallaba polo baixo.

-Non Roi. Claro que non.

Mentres acariciaba o cabelo do adolescente, Lewis Campbell-Smith, non podía deixar de pensar que, efectivamente, Val non era unha calquera. Aínda que daría parte da súa fortuna persoal porque así fose.

Hai cousas na vida polas que paga a pena loitar.

E romper algún que outro nariz.

RESUMO

Tras terse entregado á policía e acusarse do asasinato de Marcos Leis o Día das Letras Galegas do 2013, Val Valdés adáptase á súa nova vida no Centro Penitenciario de Teixeiro. A pesar do acoso dos medios, Val consegue convivir sen problemas coas demais reclusas. A súa estancia no cárcere faille lembrar a súa estadía nunha clínica de desintoxicación en Barcelona, uns anos antes, pola súa adición aos barbitúricos. Nese centro, Val coñeceu ao seu avogado e home de confianza, Martín Vila.