Val. Centro Penitenciario de Teixeiro. Xullo do 2013

CULTURA

Sexto capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

06 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Val adoraba a orde e a rutina. Matías adoitaba meterse con ela dicindo que era máis alemá ca el. Organizada, maniática do control, calculadora, supervisora ata a obsesión. A xente que traballaba con ela cualificaba a Val de mil e un xeitos distintos, diferentes epítetos que confluían nunha única e inexorable verdade: na vida de Val Valdés nunca había lugar para a improvisación.

Neste senso, Val adaptouse á vida do cárcere con moita máis facilidade que á de Sobrevivindo. Aseo. Almorzo. Actividades. Comida. Sesta. Patio. Cea. Durmir. E volta a empezar.

Teixeiro non era máis que un microuniverso ecléctico no que tiña que facer o que mellor se lle daba nesta vida: sobrevivir. Dende o primeiro día, Val avaliou o entorno e adaptouse a el cunha facilidade extraordinaria, case metamórfica.

O centro adaptouse a ela con máis dificultade. A presión informativa á que se viu sometida obrigou á directora a establecer medidas excepcionais de seguridade para rexeitar o acoso dos reporteiros gráficos.

As funcionarias e as reclusas mantiñan unha gran expectación que decaeu enseguida cando se atoparon simplemente cunha muller educada e moi discreta que acataba todas as imposicións da vida en prisión. Pronto se correu a voz de que a nova sabía de leis, tiña moitos contactos fóra e estaba disposta a empregalos con tal de durmir tranquila.

Val non compartía cela por decisión da directora. Non tiña manías no comedor, apuntouse ao taller de barro e rexeitou calquera tipo de actividade intelectual agás o asesoramento ás outras reclusas.

O psicólogo orientador comprendeu, dende o comezo, que non tiña nada que facer con ela. Val era plenamente consciente da súa culpabilidade e negábase a falar das razóns que a induciran a matar a un home. Limitábase a recoñecer os feitos, sen entrar ao fondo do asunto. Mateino, si. E nada máis. Volvían sempre a ese punto. Mateino. Pode que o psicólogo estivese alí para pedir explicacións pero dende logo, Val non era muller que acostumara a dalas.

A soidade da súa cela lembráballe a da súa estancia na clínica Barver. A pesar de que non lle gustaba recordar esa época, o certo é que mantivera a Martín pegado á súa sombra. Encargárase de convertelo nunha presenza permanente, cunha única finalidade: lembrar que unha vez perdera o control. Necesitaba telo preto de si, porque os dous sabían que ambos fixeran crac. E que non podían volver pasar polo mesmo.

Tiña moi presente aquel martes de xuño do 2005. Podía lembrar o tremor das súas mans. O medo. A inseguridade. Por primeira vez na súa vida, non mandaba ela. Só podía pensar nas pastillas, en durmir. Só desexaba unha cousa: deixar de ser, por un instante da súa maldita vida, a fodida Val Valdés.

Rompera o espello a puñazos. Coma se fose tan doado acabar coa muller que quixera a Matías, para despois berrarlle ao mundo que non o amara. A mesma muller que cambiara un fillo por un imperio.

Odiaba a aquela muller. Levaba odiándoa o tempo suficiente para saber que tiña que aprender a vivir con ela.

Tras saír da clínica, nunca máis perdera o control. Nunca. E non ía comezar agora. Porque ela era Val. Valentina. Tina. Era todas elas e non era ningunha. E por fin acadara ese ansiado estado en que xa non se ten nada que perder. E algo máis perigoso. Algo que se apreciaba cunha mera ollada. Esa mesma sensación que debeu percibir Marcos Leis, antes de que ela lle apuntara ao centro da súa fronte e apertara o gatillo á beira do río Sarela: Val non tiña medo.

RESUMO

O Padre Roque Sanmartín, director do colexio Santa Catalina, afronta con angustia o feito de ter que abandonar o colexio e trasladarse ao Milladoiro, como consecuencia dunha operación inmobiliaria, a cal foi pechada polo anterior director e que se fará efectiva agás que consiga reunir dez millóns de euros. Tras atoparse cunha ex alumna, descobre que Val Valdés, a famosa empresaria e vencedora do programa de telerrealidade «Sobrevivindo», acudirá o vindeiro maio a unha cea de ex alumnos de Santa Catalina.