Garrincha volve dar alegría ao pobo

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Donato e Maceda (centro da imaxe) na presentación.
Donato e Maceda (centro da imaxe) na presentación. E. PÉREZ< / span>

O exdeportivista Donato apadriñou a presentación da novela xuvenil na que Beatriz Maceda tece unha historia de integración e superación

06 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A mestra e escritora Beatriz Maceda nunca vira xogar a Garrincha, así que procurou vídeos seus en YouTube. «Aí entendín por que o chamaban a alegría do pobo: velo é todo un tratamento psicolóxico, vaste alegrando», lembra. Tamén foi cando a autora decidiu que o brasileiro era a figura ideal para a novela xuvenil sobre fútbol que tiña no maxín despois de presenciar no patio dun colexio como este deporte facilitaba a integración: «Sabía que tiña que ser O álbum de... e despois de ler sobre el e velo xogar tiven claro que non podía ser outro».

O resultado, xa que logo, é O álbum de Garrincha (Galaxia), que onte Maceda presentou na Coruña cun padriño de excepción: o exdeportivista Donato. «Tiña claro que precisaba a un futbolista cun pasado limpo, que fora un referente, bo compañeiro, que non xogase sucio. E ese é Donato, que é un tipo encantador», explica. Ademais, tiña unha vantaxe: «El si sabe quen é Garrincha».

O dato non é gratuíto, xa que os compañeiros do protagonista da novela, João, un neno brasileiro que deixa o seu país para vir vivir a Galicia, non saben por que o seu alcume é Garrincha. O descoñecemento actúa como metáfora dunha xeración que medra nun presente tan veloz que corre o risco de ignorar mesmo o pasado máis recente, e tamén da dificultade da integración. «É un proceso complexo, non porque os rapaces de aquí rexeiten aos de fóra, que non pasa, senón porque estes nenos tiveron que deixalo todo para introducirse nunha cultura nova», relata Maceda.

Na integración do Garrincha neno desempeña un papel importante o seu homónimo futbolista: superou eivas físicas e enfermidades para converterse non só nun gran deportista, senón nun mito e nun referente. Ese afán de superación era un dos valores que Maceda quería reflectir na súa historia, valores aos que engade a amizade e a importancia da lectura para redondear un argumento que devolve ao fútbol o seu espírito de fair play. «Gústame o fútbol porque me parece un xogo moi democrático: podes practicalo en calquera lugar, mesmo se non tes pelota cun tapón, dá igual que sexamos once ou catro ou seis. E calquera pode chegar a ser un bo futbolista, mentres que noutros deportes xa ten que haber un investimento importante. E nas bancas ves a persoas de todo tipo e condición», conclúe a autora.