Marcos. Santiago de Compostela. 1 de decembro de 2012

CULTURA

Cuarto capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

04 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Santa Catalina 1988. Novo grupo de Facebook. Aceptar.

Ad astra per aspera. A medida que ía cargando a páxina, o lema do colexio Santa Catalina apareceu rodeando o escudo do centro. Ás estrelas polo camiño difícil. Ao triunfo a través do esforzo. Vinte e tres membros. Alí estaban os seus excompañeiros. Lía, Mara, Manu, Pedro, Berto...

Releu as mensaxes rapidamente.

«Asunto: cea vinte e cinco aniversario. Ola, estamos intentando reunir neste grupo de Facebook a todos os antigos alumnos da promoción do 88 de Santa Catalina. Día a día o grupo crece. Se lembras a alguén e tés o seu enderezo electrónico ou podes localizalo, pono en contacto connosco. Estamos a organizar unha cea de aniversario. Previsiblemente para maio de 2013, nalgún dos días festivos para asegurar o éxito da xuntanza. Seguimos en contacto chic@s».

Aínda non rematara de ler tódalas mensaxes e xa estaba arrepentido de ter aceptado. Maldita a gana que tiña de volver velos. Algúns nomes nin lle soaban. Daba igual. Non iría á cea. Sabía de antemán como sería. Sabía como ían esas cousas. Pasarían a noite mentindo. Todos falarían de familias felices, de traballos estupendos. Non o aturaría. Unha noite enteira buscándoa entre a xente.

Houbo un tempo en que a buscaba en cada esquina. En cada festa da Ascensión. En cada Apóstolo. Pero deixara de buscala. Por fin. E se ía a esa cea, todo volvería suceder. De feito xa estaba sucedendo. Outra vez.

Tocouse a cara. Coma se, de súpeto, o tempo non pasara. Coma se ela nunca tivese marchado. Case podía sentir a labazada da súa nai, prohibíndolle saír da casa. Ir vela. Deus, estaba tolo por ela. Tería feito calquera cousa que lle pedise. Pero ela non lle deixou. Foi ela a que se empeñou en demostrar que a súa nai tiña razón. Que non era máis ca unha fulana. E agora só podía recordar a rabia. A labazada. Os días seguintes encerrado na habitación. O desacougo. As mofas da súa nai. Dos seus compañeiros de clase. Só podía lembrar os seus ollos. E o que doía esquecelos.

Baixou a vista buscando eses ollos entre as fotos.

Detívose nun perfil sen foto. Tan só unha estrela azul e un fondo amarelo. Tina González V. Sentiu un afogo no peito. Alí estaba. Despois de todos eses anos. Entrou no seu perfil. Tina González non comparte información con descoñecidos. Así que iso era el. Un descoñecido. Maldiciu polo baixo. Releu de novo todas as mensaxes.

Desexando vervos. Tina G.?V.

Curto e sinxelo.

E agora como te atopo, Tina. Entrou en Google. «Icono estrela azul». Procurar. A páxina foi cargando, amodo. Moi amodo. Notou unha punzada de excitación. Bingo. Grupo LAV.

Tina G.V. Valentina González Valdés. Val Valdés.

Unha estrela azul iluminando a súa mente, coma un foco de luz no centro desa escuridade, na que o deixara sumido.

En todos estes anos, nunca relacionara a esa Val con Tina. Apenas sabía nada desa muller. Soáballe. Algo da tele e desa empresa, LAV. Non podía ser. Ampliou a imaxe e o ordenador devolveulle unha muller de cabelo longo e castaño. E os seus eternos ollos verdes. Tocouse a cara. De novo, sentiu a calor da labazada. Apertou os puños ata que lle branquearon os cotenos. Unha soa mensaxe de Facebook e de novo sentía esa carraxe, esa furia xorda que o comía por dentro.

Volveu atrás. Ollou a imaxe corporativa do grupo LAV. Unha estrela azul sobre un fondo amarelo. Non podía ser doutro xeito. Por suposto. Soltou unha gargallada, recibindo o agasallo do destino cos brazos abertos.

Ad astra per aspera.

Ou non.

Resumo

Martín Vila, avogado de Val Valdés, le no xornal a noticia da detención de súa xefa polo asasinato dun home en Santiago de Compostela, no Día das Letras Galegas do 2013. No artigo de prensa analízase polo miúdo a traxectoria de Val Valdés, destacando a súa etapa como gañadora do programa de telerrealidade «Sobrevivindo», así como a de fundadora do Grupo LAV, un imperio empresarial coñecido internacionalmente.

O avogado lembra como coñeceu a Val, nunha clínica de desintoxicación uns anos antes.