Val. Madrid. Marzo do 2000

CULTURA

Primeiro capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

01 ago 2015 . Actualizado a las 16:53 h.

Sorriu, pero non demasiado. Só ese punto xusto que ensaiara diante do espello esa mañá. O da dereita dirixía olladas furtivas ao seu escote. A súa escasa xenerosidade debeu sorprendelo, porque ergueu unha cella con aire irónico. Ela respondeulle cun xesto idéntico. Unha pequena gargallada escapou da boca del. «Pillado», parecían dicirlle os seus ollos. Era atractivo á súa maneira. Ao seu carón, un señor duns sesenta anos contemplaba a escena contrariado. Rapidamente recuperou a compostura. Ollouno de fronte. Era dos que se impresionaban facilmente, incapaz de mirala directamente aos ollos. Por aí todo controlado. A muller era outra cousa. Non se deixaba abraiar pola súa presunta seguridade.

-Faga o favor de presentarse coma se non soubésemos nada de vostede.

-Chámome Valentina Valdés. Todo o mundo me chama Val. Teño trinta anos, un fillo de catorce e dúas carreiras universitarias: Dereito e Xornalismo. Tamén teño un máster en Comunicación Audiovisual. E son viúva.

-Curioso currículo. Falo polos tres cando me atrevo a dicir que esta presentación fai xurdir moitas preguntas.

-Val de Valentina ou de Valdés?, preguntou o máis novo.

-Supoño que de ambos, e permítame dicirlle que non era esa a primeira pregunta que agardaba.

-E que agardaba?

-Como tiven un fillo tan nova? Como conseguín seguir estudando? De que morreu meu home?

A muller sorriulle por primeira vez.

-Son moitas preguntas xuntas.

-Que se responden axiña. Casei embarazada aos quince anos. O meu home era moito maior. Tiña unha posición moi acomodada e nunca lle importou que estudase. O ano pasado perdeu toda a súa fortuna. Aforrareilles os detalles, basta que saiban que se suicidou.

-É vostede consciente que de superar esta entrevista todos estes datos faranse públicos, serán debatidos e expostos nos medios?

-Por suposto que si.

-Non lle importa o dano que todo isto lle pode facer ao seu fillo?

-Está nun internado en Suíza. Non poderei vetar o acceso a toda a información, pero asegúrolles que non será coma se estivese aquí, en España. Ocupareime diso.

-Xa se dá vostede conta de que non é o tipo de persoa que acode a estas entrevistas. Non é exactamente o perfil que estamos a buscar.

-E cal é o perfil? E que realmente teñen un? Son intelixente, domino as miñas emocións e falo con corrección. Estou de acordo con vostede. Non dou o perfil. Pero se o que desexa é alguén que poida revolucionar a súa canle entón son a persoa que buscan.

-Acenderemos a cámara. Mírea fixamente e díganos que pode aportar vostede ao noso reality.

-Faremos algo mellor. Vostedes van apagar esa cámara, e eu direilles toda a verdade.

-E cal é a verdade?

-A verdade é que aguantei a un vello noxento durante catorce interminables anos e a súa familia quere deixarme na rúa co posto. A verdade é que despois de moverme nos círculos máis selectos de Madrid non me vou conformar cunha mísera pensión de viuvez. A verdade é que eu coñezo o seu negocio mellor que toda esa panda de indesexables que está aí fóra, esperando a súa oportunidade para lucir músculos e tetas. A verdade é que, por riba de todo, quero eses cen millóns de pesetas. Son o suficientemente lista para asegurarlles o éxito. Son intelixente, manipuladora, culta e unha verdadeira filla de puta cando mo propoño. E por se aínda non se deron conta estou moi, pero que moi, boa.

Lanzou unha ollada desafiante. As cartas boca arriba. Tras un angustioso silencio, o home maior debuxou un leve sorriso na súa faciana.

-Onde demo estiveches escondida ata agora, Val?