Editan unha tradución ao xaponés das sete cantigas de Martin Codax

Xurxo Melchor
xurxo melchor SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

O volume é bilingüe e conta cun CD cos poemas cantados na lingua nipona

01 ago 2015 . Actualizado a las 21:00 h.

«Unha ponte literaria entre Galicia e Xapón, entre o país do sol poñente e o país do sol nacente». Así define Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio, o seu último libro, Xograr Martin Codax, unha tradución ao xaponés das sete cantigas de amigo do trobador medieval vigués publicado pola editorial nipona Ronso e que conta co apoio da secretaría xeral de Política Lingüística e o patrocinio do Ministerio de Educación.

O libro foi presentado onte no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) de Santiago e porase á venda a partir do 10 de agosto nas librarías de Toquio. «Trátase dun traballo que contribúe a reforzar a proxección exterior do galego, mais sobre todo a prestixiar a lingua galega da man dun dos tradutores máis recoñecidos e a fortalecer as pontes que comunican a cultura galega con outra tan diferente como pode ser a xaponesa», sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que anunciou que o ano que vén inauguraranse os cursos de galego en Pequín.

No acto de presentación estiveron tamén Francisco Fernández Rei, catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago (USC); o secretario do CRPIH, Armando Requeixo; e o presidente da Real Academia da Lingua Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, que é ademais o autor do limiar do libro. Xunto ca tradución ao galego das cantigas medievais de Martin Codax, a obra inclúe a versión en galego e notas e comentarios do editor. O volume complétase coa inclusión dun CD estoxado no que o grupo Yuri Ensemble interpreta en xaponés as sete cantigas.