Os peregrinos xa poden acreditar a súa viaxe a Compostela en galego

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

P. CALVEIRO

Crean un certificado de distancia e un pasaporte para os selos do Camiño

23 jul 2015 . Actualizado a las 14:12 h.

Os peregrinos que a partir de agora cheguen a Santiago poderán acreditar a súa viaxe en galego. Dende onte teñen á súa disposición un novo certificado de distancia, expedido na lingua autonómica, que vén a complementar a tradicional compostela que se outorga en latín. Por ende, creouse un pasaporte ou credencial do peregrino traducido que os viaxeiros deberán selar en cada parada do Camiño para avalar o seu paso polas distintas etapas.

Ambos documentos foron presentados onte polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o deán da catedral de Santiago, Segundo Pérez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; secretaría encargada de facer a tradución e edición das novas acreditacións xacobeas.

O conselleiro sinalou a importancia de facer presente o galego en absolutamente todos os ámbitos da vida e a «forte carga simbólica» destes documentos, que poñen en valor o uso da lingua como canle de comunicación para «facer país». Pola súa banda, o deán loou o esforzo da Xunta á hora de promover a lingua e os instrumentos «para achegar o galego aos crentes e á ágora pública». Segundo Pérez asegurou que os estranxeiros mostran interese pola lingua cooficial e teñen demandado que se traduciran os certificados do Camiño.

O deán explicou que dende o ano pasado os camiñantes que chegan a Santiago poden certificar a súa viaxe con dous documentos dispoñibles na Oficina do Peregrino: coa compostela (gratuíta) ou un certificado de distancia (cun custe de 2 euros). Este último complementa a acreditación tradicional e responde ao desexo dos peregrinos de contaren cun elemento que recolla os detalles da súa viaxe, como o día e punto de inicio, quilómetros percorridos, o día de chegada e a ruta que seguiron. Ademais este documento é tamén o que se ofrece a aqueles romeiros que non cumpren os 100 quilómetros a pé ou a cabalo ou os 200 en bicicleta que require a compostela, así como a aqueles que non fan o Camiño movidos por un sentimento relixioso.

O pasaporte ou credencial do peregrino, agora tamén dispoñible en galego, é só para aqueles que fan a pé, en bicicleta ou a cabalo a Ruta con sentido cristiá, «aínda que só sexa en actitude de busca», di o documento. Este, cos seus respectivos selos, permite recibir a compostela e pódese conseguir solicitándoo persoalmente na Oficina do Peregrino ou noutras institucións acreditadas pola catedral de Santiago, tales como parroquias, asociacións de amigos do Camiño, albergues e confrarías, entre outros puntos.

Un pergameo de inspiración xacobea

Fronte o certificado de distancia que se outorgaba ata agora, feito espontaneamente e fotocopiado nun papel, o novo documento en galego preséntase nun pergameo cun deseño tradicional de inspiración xacobea.

No seu marxe esquerdo, conta cunha greca copiada do Breviario de Miranda que pertence aos arquivos da catedral de Santiago, segundo o deán da basílica, «o manuscrito máis bonito que existe». Esta xoia literaria do século XV, de factura posiblemente flamenca, combina o texto litúrxico con representacións iconográficas de numerosas festas relixiosas.

O novo certificado recolle tamén unha referencia ao famoso Códice Calixtino, a xoia da coroa custodiada dende a Idade Media pola catedral de Santiago. O pergameo plasma a letra capitular, primeira inicial, que figura no Códice Calixtino, xunto cunha imaxe do Apóstolo Santiago que abre o primeiro capítulo da histórica guía do Camiño.

«Xa houbo quen nos dixo que era máis bonito que a compostela», asegurou Segundo Pérez.

O deseño dos novos pasaportes dos romeiros en galego respecta o modelo anterior que se expide actualmente. Esta credencial é a herdeira dos documentos que os peregrinos medievais empregaban como salvoconduto. Dende hai anos preséntase co tamaño tradicional dos pasaportes e con varias follas destinadas a engadir nelas os selos que acreditan o seu paso polas distintas localidades. Inclúe, ademais, os datos persoais do peregrino, varios mapas dos principais Camiños a Santiago, a información básica para obter a compostela, así como a Oración e a Bendición do peregrino.