Indignación ante a idea de retirarlle o nome de Cunqueiro á rúa de Madrid

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

FONDO VEGA DEL ARCHIVO HISTÓRICO PROVINCIAL

Intelectuais e escritores recordan que a súa etapa falanxista «non foi espontánea», senón só unha medida de autoprotección

12 jul 2015 . Actualizado a las 08:39 h.

A posibilidade de que o goberno do Ayuntamiento de Madrid, que encabeza a independente Manuela Carmena, inclúa a Álvaro Cunqueiro na lista de nomes a retirar das rúas da cidade en virtude da lei de memoria histórica causa indignación entre a intelectualidade e os escritores de Galicia. «Coa miña infinita admiración e confianza en Carmena, penso que os seus asesores non matizaron como é debido o caso. É certo que hai un período falanxista na vida de Cunqueiro, pero o seu nome debe seguir na súa rúa en Madrid», proclama sen titubeos Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.

«Unha figura como Cunqueiro debe seguir na rúa pola súa obra literaria -incide o escritor e xornalista Carlos G. Reigosa-. A súa traxectoria política é irrelevante e ten unha explicación racional. El era un galeguista. O demais é non entender nada do que foi a Guerra Civil. E daquela se poden dicir un fato de tonterías. Isto é unha mostra desa ignorancia».

Na súa opinión, «é un caso coma o de Torrente Ballester, que, cando regresaba de París no coche de liña, chegando a Vigo, viu aqueles mortos tirados na cuneta que ninguén recollía... E xa o esperaba a familia en Ferrol para levalo onde o cura e que lle fixeran o carné da Falanxe. A Cunqueiro mandouno o pai a Ortigueira -'aquí coñécente demasiado ben', avisouno- para afastalo da atención pública porque aínda estaban recentes en Mondoñedo os seus panfletos galeguistas. Aquel sería un salto ideolóxico incomprensible. O carné falanxista que toma en Ortigueira non é unha opción voluntaria nin espontánea, é só unha medida de autoprotección, un escudo. E son feitos que non se agochan. Esta etapa non é un misterio nin un problema que o descualifique como escritor e mesmo persoa», insiste Reigosa. E advirte: «Non hai que xulgalos, nin perdoalos, nin condenalos, senón entender a situación, que é preciso analizar no ámbito de terror en que se deron os feitos. Só quería salvar a vida».

«A memoria histórica non é amnesia», sinala o escritor Ramón Pernas. «Isto é como se en Alemania piden borrar as pegadas de Grass ou Mann por afíns ao nazismo. Se Cunqueiro fose francés tería rúa en todas as cidades de Francia. ¡Un escritor que debe estar sentado á beira de Goethe! Cada vez isto se parece máis a aquilo de ?primeiro xitanos, despois comunistas e logo ti?. Pero Merlín nunca o consentirá», conclúe con humor.

«Esta lista só fala do analfabetismo cultural de quen a elaborou», di César Antonio Molina

«É un dos mais grandes escritores da lingua galega e da castelá -terza o poeta e exministro de Cultura César Antonio Molina-, e unha persoa que xa pagou en vida por o desenvolvemento das súas ideas. Unha persoa de dereitas como hai tantos miles ¿E que? ¿Que culpa tivo da Guerra Civil?, ¿en que bando disparou?».

Pero é que máis alá diso, prosegue, «sería unha inxustiza para con Galicia, a súa lingua e a súa cultura. É algo moi grave. Un insulto a todos os galegos. ¿Que significa Cunqueiro? Non o leron, non saben nada. Simplemente, tiran do seu currículo xuvenil. A Xunta e os partidos políticos de Galicia deberían terse pronunciado ao respecto», exhorta. «Esta lista -argumenta Molina- só fala do analfabetismo cultural de quen a elaborou e incluíu escritores como Cunqueiro, Josep Pla ou Jardiel Poncela. É un síntoma da incultura do país».

«Só plantexalo é un delito de lesa ignorancia», concorda Pernas.