Todos eles incidiron na extraordinaria capacidade de facer memoria do cruceño máis universal, «testemuña excepcional», dixo Couto, desa pegada dos galegos en América que constitúe un dos temas recorrentes da obra de Neira Vilas. Neste caso, presentada en forma de contos, independentes entre eles, expostos cun ton divulgativo, directo e ameno.
«Textos curtos que son auténticas pezas de ourivaría», tal e como subliñou Monteagudo, e que recollen «cousas curiosas que se coñecen pouco», apuntou o propio autor sobre esta pequena homenaxe a unha escolma de galegos, humildes pero emprendedores, que fixeron historia en América. «E hai moitos máis», engadiu Neira Vilas, cuxa memoria segue tan áxil coma a súa pluma.