Arantza Portabales gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz

la voz

CULTURA

VÍTOR MEJUTO

A historia, unha intriga de ritmo áxil, será publicada no xornal en agosto

10 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia xa ten gañador: unha historia de intriga, cun ritmo áxil que se move con soltura entre diversos planos temporais, e que tece unha engaiolante trama arredor dunha non menos fascinante protagonista, a vencedora dun programa de telerrealidade. No transcurso dunha cea literaria celebrada onte no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre desvelouse a identidade do autor da obra, presentada co título de Sobrevivindo e baixo o lema Xoabela: a autora resultou ser Arantza Portabales Santomé, escritora de microrrelatos. Sobrevivindo impúxose por maioría ás outras dúas novelas finalistas, Sempre navegar e A virxe das areas.

VÍTOR MEJUTO

A obra vencedora saca partido á estrutura característica do galardón, é dicir, unha narración que, capítulo a capítulo, capta a atención do lector: cada entrega remata cun convite a seguir o fío da historia ao día seguinte, ata a sorprendente conclusión do seu remate. Sobrevivindo ten como protagonista principal a Val Valdés, unha muller que no ano 2000 se presentou a un programa de telerrealidade, do que saíu vencedora e rica. A partir deste intre, convértese nunha empresaria da que apenas se coñece a súa vida privada. A novela vai alternando pasado e presente, así como diferentes personaxes, para tecer unha trama de intriga arredor do personaxe, cunha serie de secundarios de trazos ben definidos: o seu fillo, a súa sogra, o avogado que traballa para ela, unha antiga relación adolescente, un profesor daqueles tempos... todos eles gravitan arredor de Val Valdés nun suspense que medra a medida que se coñecen máis datos da historia e que non exclúe un asasinato.

VÍTOR MEJUTO

A autora da novela recibirá un premio de 6.000 euros e a súa obra será publicada no xornal durante o mes de agosto, a razón dun capítulo diario, e tamén na súa edición dixital. Cada entrega estará ilustrada, como xa é habitual, polo traballo de Juan Carlos Abraldes.

Formato popular

O Premio de Novela por Entregas de La Voz, que conta co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, chegou así á súa décimo quinta edición. Foi creado para recuperar un formato moi popular no século XIX, e que mesmo xa aparecía no primeiro exemplar do xornal, en 1882, como lembrou onte a presentadora do acto, a xornalista de V Televisión Gladys Vázquez.

Neste tempo acadaron o premio autores dunha longa traxectoria literaria, como Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Concha Blanco, An Alfaya, Fran Alonso ou Diego Ameixeras, entre outros. Ademais, tamén serviu para apoiar a carreira de autores emerxentes, como foi no seu día o caso de Alberto Ramos. Agora suma ao seu palmarés unha primeira novela, a de Arantza Portabales Santomé. A condición de ser unha novela por entregas supón un reto técnico para os escritores, como tamén que cada capítulo teña a mesma extensión.

Os lectores poden enviar os seus contos ata o vindeiro día 15

A novela gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz aparecerá nas Páxinas Literarias do xornal durante o mes de agosto, unha sección que tamén dá cabida ás creacións literarias dos lectores do diario. Poden participar enviando os seus relatos, escritos tanto en galego como en castelán, ata o vindeiro mércores día 15, data na que se pecha o prazo de participación deste ano.

Os textos non deberán exceder as 25 liñas mecanografadas de corpo 11 (uns 2.100 caracteres con espazos) e poden enviarse por correo postal a La Voz de Galicia. Avenida da Prensa, 84-85. Polígono de Sabón. 15143 Arteixo, ou por correo electrónico ao enderezo relatos@lavoz.es. Os participantes deben achegar tamén a súa idade, nome, DNI, enderezo, teléfono, profesión e, a ser posible, unha breve biografía e fotografía.

Unha autora que cultiva os microrrelatos e que se estrea como novelista

Arantza Portabales Santomé naceu en San Sebastián hai 42 anos, aínda que leva tres décadas vivindo en Galicia, onde traballa como funcionaria da Xunta. Segundo explica, dende sempre foi unha lectora «compulsiva e impaciente» pero non foi ata hai tres anos que comezou a escribir, xa que antes sempre a detiña «a absurda barreira do medo».

Dende entón, o principal xénero que cultivou foi o do microrrelato, no que foi finalista en determinados certames e a levou a participar en libros colectivos, como o volume Puro relato, do concurso convocado por Casa África. Tamén foi seleccionada en certames de carácter radiofónico, como o Relatos en cadena, da Ser, que distinguiu o seu conto El mentalista, ou Relatos con banda sonora, ao que presentou Autopsia, inspirado na canción de Nacho Vegas Actores poco memorables.

A gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz tamén se define como unha lectora «entregada e visceral», e que atopa a inspiración para a súa literatura na vida cotiá, da que trata de atrapar detalles para construír as súas historias. Sobrevivindo está inspirada nos programas de telerrealidade, pero tamén na vida xudicial, os reencontros de antigos compañeiros de escola grazas ao Facebook e o día a día en Santiago ou Madrid.